Só un partido en Pasarón durante todo o mes de novembro

Pontevedra
04 de novembro 2015

O Pontevedra afronta un mes de competición no que xogará tres partidos fóra da casa e só un como local. O primeiro dos compromisos ligueiros, o do próximo domingo ante o Peña Sport de Tafalla, é un dos desprazamentos máis longos de toda a tempada

Partido entre Pontevedra e Atlético Astorga en Pasarón
Partido entre Pontevedra e Atlético Astorga en Pasarón

O Pontevedra Club de Fútbol prepárase para afrontar unha fase da competición na que se acumulan os partidos lonxe do seu estadio.

Durante todo o mes de novembro Pasarón só acollerá un partido de liga, o domingo 15 de novembro ante o Izarra, mentres os granates afrontarán tres desprazamentos, o primeiro deles un dos máis longos da tempada, a Tafalla (Navarra) ante o Peña Sport. Despois virán o domingo 22 a viaxe a Xixón para enfrontarse ao filial do Real Sporting e a visita a Vigo o día 29 para xogar ante outro filial, o Celta B.

Esta fase da tempada chega nun momento no que o equipo pontevedrés mellorou notablemente o seu rendemento como visitante, con dous triunfos consecutivos ante o Real Racing Club e o Arandina.

Con esa confianza os granates buscarán o triunfo o domingo (16:45 horas) ante un Peña Sport penúltimo na clasificación pero que mellora notablemente o seu rendemento no seu estadio, onde logrou sumar os seus 8 puntos con dous triunfos (Lealtad e Izarra) e outros dous empates (Real Racing e Arandina). De feito os navarros só perderon un partido na casa, ante o ata agora intratable Racing de Ferrol.

CAMPILLO VOLVE TRAS A SÚA SANCIÓN

En canto á situación do equipo, Luisito recuperará esta fin de semana a un dos seus futbolistas máis utilizados, Campillo, unha vez cumprido o seu partido de sanción por acumulación de amoestacións.

Coa volta do defensa e salvo contratempo, o técnico do Pontevedra espera contar con todos os seus futbolistas en perfectas condicións para o choque en Tafalla.