Tempo de toma de decisións no Pontevedra

Pontevedra
15 de maio 2018

Finalizada a tempada deportiva o Consello de Administración debe tomar importantes decisións, como quen será o adestrador do equipo a próxima tempada ou a que xogadores se lles ofrecerá a renovación. Só tres futbolistas contan actualmente con contrato en vigor para o seguinte curso

Lupe Murillo xunto Roberto Feáns saíndo da sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón
Lupe Murillo xunto Roberto Feáns saíndo da sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón / Mónica Patxot

Finalizada a competición na Segunda División B, chega o tempo de tomar decisións no Pontevedra Club de Fútbol, que nos próximos días e semanas debe afrontar cuestións importantes sobre a planificación da seguinte tempada.

O club avanzou antes do choque ante o Atlético B a intención de realizar unha valoración da campaña recentemente concluída, ocasión para analizar as causas que levaron ao equipo para pelexar pola permanencia ou os posibles erros a corrixir na planificación deportiva, aínda que a presidenta granate, Lupe Murillo, pediu uns días de calma antes de "poder volver a empezar con muchas ganas".

Entre os asuntos sobre a mesa a primeira das decisións para tomar será a elección do adestrador do primeiro equipo, saber se se aposta pola renovación de Luismi ou se busca un novo inquilino para o banco de Pasarón.

Despois chegará a quenda das ofertas de renovación a futbolistas, aínda que parece que se aveciñan importantes cambios.

Neste aspecto só catro xogadores do actual equipo contan con contrato en vigor. O primeiro deles é Berrocal, que á súa chegada a Pontevedra comprometeuse por dous anos. Ademais no mercado invernal incluíronse cos fichaxes cláusulas de continuidade que cumpriron Nacho López e Darío Flores. Non foi o caso de Pibe ou Éder Díez, que quedou a un tanto de cumprir o obxectivo de goles reflectido no seu contrato, o que non significa que non continúen vestindo a elástica granate o próximo curso, pero será en todo caso vía nova negociación.

En compás de espera atópase o resto do plantel, ao que se lle deron tres días de descanso, aínda que algúns dos xogadores expresaron o seu desexo de continuar no club. Así o verbalizaron por exemplo parte do considerado núcleo duro do vestiario e que pasou este luns polo programa de La Trastienda de  PontevedraViva Radio, como son Álex Fernández, Mouriño e Edu Sousa.

"Personalmente siempre lo dije, estoy a gusto aquí y ojalá pueda estar no sólo un año sino muchos más", sinalou Álex, mentres que Adrián Mouriño mantense no seu plantexamento previo á permanencia, no que "dije siempre que me querría quedar aquí fuese donde fuese y sigo con esa idea". Mentres tanto o capitán do equipo, Edu, recoñeceu que "aquí estoy muy bien, muy contento, me siento muy querido y apoyado, no veo en ese sentido razones para no continuar".

Será en todo caso a dirección técnica a que debe decidir a que xogadores se lles ofrecerá a continuidade no equipo, algo que debería suceder antes de que se marchen oficialmente de vacacións.