Triunfo balsámico do Waterpolo Pontevedra fronte ao Ciudad de Rivas

Pontevedra
19 de xaneiro 2025
Actualizado: 12:47

O equipo pontevedrés regresou á senda da vitoria tras imporse por 15-12 ao cadro madrileño. Con este resultado, Waterpolo Pontevedra e Ciudad de Rivas empatan a 12 puntos na clasificación

Partido entre o Waterpolo Pontevedra e o CW Turia en Rías do Sur
Partido entre o Waterpolo Pontevedra e o CW Turia en Rías do Sur / Cristina Saiz

O Waterpolo Pontevedra impúxose este sábado no CD Rías do Sur á Ciudad de Rivas por 15-12 tras un encontro marcado polos constantes cambios de ritmo e alternancias no luminoso.

O partido arrincou con dominio das visitantes, que lograron coller unha lixeira vantaxe de dous goles que enseguida neutralizou o Waterpolo Pontevedra cos tantos de Rocío Ferreira e Andrea Andión para empatar ao termo do primeiro cuarto (4-4).

As locais intensificaron o ritmo no segundo período e lograron voltear o resultado para abrir unha pequena brecha no luminoso (7-4). Con todo, o Rivas non se rendeu e Cristina Quintanar, de penalti, acurtou distancias antes do intermedio (7-5).

Tras o paso polos vestiarios, as pontevedresas continuaron dominando para ampliar a súa vantaxe até o catro goles, pero de novo, o equipo madrileño pisou o acelerador para establecer o marcador en 10-8 e deixar todo por decidir no último cuarto.

Xa no último período, o Rivas puxo a proba a solidez do Waterpolo Pontevedra achegándose perigosamente ao empate. Con todo, as locais souberon manter a calma e reaccionaron xusto a tempo para recuperar a vantaxe e sentenciar o partido po 15-12.

Este resultado deixa a ambos os equipos empatados a 12 puntos na clasificación.

Consulta a acta neste enlace