Un centenar de xadrecistas cítanse no III Memorial Ramón Escudeiro

Pontevedra
23 de decembro 2014

O torneo celebrarase nas instalacións do Casino Mercantil entre os días 26 e 30 de decembro. Espérase a presenza de catro mestres internacionais

Presentación do III Memorial Ramón Escudeiro de xadrez
Presentación do III Memorial Ramón Escudeiro de xadrez / PontevedraViva

O III Memorial Ramón Escudeiro, organizado pola Escola Xadrez Pontevedra, reunirá preto dun centenar de xadrecistas entre os días 26 e 30 de decembro.

O torneo, que se celebrará nas instalacións do Casino Mercantil, contará con catro mestres internacionais e competidores de Asturias, Cantabria, Cataluña, Madrid e Portugal, ademais dos clubs galegos presentes.

O memorial disputarase nas categorías sub-8, sub-10, sub-12, sub-14, sub-16 e Absoluta.

As partidas poderán seguirse en directo a través de internet na páxina web do Xadrez Pontevedra, onde pode consultarse o calendario das partidas.

O torneo ten unha dotación económica de 2.140 euros que permitirá ao gañador absoluto levarse un premio en metálico de 400 euros.

A presentación de memorial serviu ademais de homenaxe ao equipo cadete do club pontevedrés, recentemente proclamado subcampión de España da categoría.