O Pavillón da Raña acollerá este sábado un duelo que ofrecerá espectáculo e moita emoción para o aficinado: o Derbi da Ría.
Marín Futsal e Poio Pescamar veranse as caras a partir das 17:00 horas nun encontro ao que ambos equipos chegan en horas baixas.
O cuadro vermello leva tres xornadas consecutivas sen gañar e con derrota nos dous últimos, están sétimas na táboa con 20 puntos e a seis do playoff, por iso consideran este partido de vital importancia para "non descolgarse do tren de cabeza".
Na beira contraria está o Marín, penúltimo con oito puntos e a tres da permanencia. Caeron nos dous últimos partidos despois de golear en Móstoles e, na súa casa, só sumaron un empate.
"É unha situación moi complicada", recoñeceu a xogadora marinense Ana Cunha, "temos que cambiar desde xa para conseguir puntos".
Neste senso, explicou que "estamos a xogar ben pero non estamos puntuando", son o segundo equipo menos goleador con 27 goles a favor e o cuarto máis goleado con 43 tantos en contra.
En canto aos precedentes en liga, o Poio Pescamar gañou en tres ocasions e empataron nunha, mentres que a Copa Galicia do 2021 disputada na Raña foi para as conserveiras.