Un mes de xaneiro para amantes do balonmán

Pontevedra
28 de decembro 2017

A Deputación de Pontevedra acolleu este xoves a presentación do Campionato de España de Seleccións Territoriais, que reunirá preto de 2.200 deportistas e utilizará ata 21 pavillóns antes de dar paso ao Memorial Domingo Bárcenas cos equipos nacionais absolutos de España, Polonia, Bielorrusia e Arxentina

Presentación do Campionato de España de Seleccións Territoriais e do Memorial Domingo Bárcenas PontevedraViva

A provincia de Pontevedra converterase durante o mes de xaneiro na "capital do balonmán de todo o estado". Así o asegurou entre outros a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na presentación oficial do Campionato de España de Seleccións Territoriais e do Memorial Domingo Bárcenas.

Na primeira das citas, entre os días 2 e 7 de xaneiro, reuniranse ata 2.200 deportistas representando ás 17 comunidades  autónimas e a Ceuta e Melilla nunha competición que precisará dunha grande infraestrutura. Por iso, ademais das sedes principais de Pontevedra e Vigo utilizaranse pavillóns en Marín, Poio e O Porriño.

En total disputaranse durante eses días 291 partidos en 21 pavillóns (Municipal, CGTD, Multiusos, Universitario, Príncipe Felipe e Marcón en Pontevedra, A Raña en Marín e A Seca en Poio) nas categorías infantil, cadete e xuvenil masculina e feminina. 

Todos os encontros, sinalou o presidente da Federación Española de Balonmán, Francisco  Blázquez, poderanse seguir vía streaming, e as finais da categoría xuvenil serán televisadas pola canle de Teledeporte.

Será o preludio do Torneo Internacional Memorial Domingo Bárcenas que se celebrará no Municipal de Pontevedra e o pavillón vigués das Travesas do 5 ao 7 de xaneiro coa presenza das seleccións nacionais absolutas de España, Polonia, Bielorrusia e Arxentina.

As entradas, que xa están á venda a través de www.marcaentradas.com, poden adquirirse ademais a través dos clubs de balonmán da cidade, a Sociedad Deportiva Teucro e o Club Cisne Balonmán.

Á presentación de ambos os dous eventos acudiron, ademais da presidenta provincial Carmela Silva, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, o tenente de alcalde de Vigo, David Regades, e os presidentes das federacións Española e Galega de balonmán,  Franscisco Blázquez e José Luis Pérez  Ouro.