A emoción do mellor fútbol de base volve a Vilagarcía coa XXII edición da Arousa Fútbol-7 de categoría alevín, na que participan algunhas das canteiras máis prestixiosas do fútbol mundial.
Ata o vindeiro domingo 14 de maio 20 equipos loitan polo título na fase final da competición, clubs da talla de Barcelona, Real Madrid, Arsenal ou Manchester City, entre outros.
Con todo a imaxe da primeira xornada deixouna o Wellington Phoenix neozelandés ao realizar a popular 'haka', danza tribal de guerra de orixe maorí que os equipos oceánicos realizan en ocasións para intimidar ao seu rival.
A 'haka' púidose ver antes do encontro que lles enfrontaba ao Barcelona, pero o cadro catalán, un dos grandes favoritos, terminou goleando ao seu rival (5-0).
Tamén o vixente campión, o Málaga, comezou con bo pé ao vencer ao Porto e ao Pabellón nos seus dous primeiros encontros, mentres o Real Madrid superou ao Arsenal inglés nalgúns dos resultados máis destacados no arranque do torneo.
Podes consultar e seguir todos os resultados da XXII Arousa Fútbol-7 nesta ligazón.