VÍDEO.- Sergio Troitiño consegue a medalla de ouro no Europeo cadete de taekwondo

Marín
03 de outubro 2019

Éxito rotundo do deportista do Mat's de Marín, que realizou un torneo sobresaliente na localidade castellonenca de Marina D'Or para proclamarse campión continental cadete no peso de +65 quilos

Sergio Troitiño no podio do Europeo Cadete de taekwondo
Sergio Troitiño no podio do Europeo Cadete de taekwondo / Federación Galega de Taekwondo

O taekwondo marinense está de parabén grazas ao papel de Sergio Troitiño no Campionato de Europa Cadete, que este xoves vivía a súa última xornada na localidade castellonenca de Marina D'Or, antes de dar paso á competición júnior.

Troitiño, deportista do Mat's de Marín, realizou un torneo inmaculado para proclamarse campión continental levando a medalla de ouro na categoría de +65 quilos.

O seu primeiro rival no cadro foi o turco Aziz Mert Saglam, ao que non deu opción ao impoñerse por 17-0. Máis rifado foi o seu seguinte combate contra o ruso Egor Tishkin, pero Sergio amornou ben os nervios para vencer por 23-19 e avanzar aos cuartos de final, onde esperaba o croata David Krmek, ao que non deu opción (30-11).

Xa en semifinais e loitando polas medallas, o taekwondista marinense mostrou de que pasta está feito para superar ao grego Xristos  Karagoulas nun duelo tremendamente igualado que se decidiu no desempate.

Así se plantou na final, onde se atoparía ao tamén grego Theofanis Choussein. Puido gañar calquera dos dous, pero foi Troitiño o que levou o gato á auga (17-16) para sumar unha medalla de ouro que foi celebrada ao grande por todos os seus compañeiros de selección, tal e como demostra o vídeo co que a Federación Galega quixo felicitalo polo seu éxito.

Pechado o Europeo Cadete, a actividade continúa en Marina D'Or co Campionato de Europa Júnior, no que estará presente o pontevedrés Giovanni Imparato (Mace Sport) ademais dos galegos Desiree Rivadulla (+68, Suh Sport), María Ferreiro (-44, Couto), Diana Siota (-49, Couto), Cloe Iglesias (-59, Patiño Moaña), Ainhoa García (-63, Couto), Alejandro Paz (-55, Natural Sport Riveira) e Pablo Patiño (-68, Patiño Moaña).