Yelko Pino: "Despois de cada derrota o equipo saíu reforzado"

Pontevedra
28 de febreiro 2024

O centrocampista granate defendeu este mércores que, con só dez xornadas por diante e a liga nun puño, "a fortaleza mental que teñamos vai ser fundamental"

Yelko Pino, no partido de liga entre Pontevedra e CD Cayón en Pasarón
Yelko Pino, no partido de liga entre Pontevedra e CD Cayón en Pasarón / Cristina Saiz

Tres derrotas encaixou soamente o Pontevedra Club de Fútbol nas 24 xornadas de liga disputadas ata a data, e nas dúas primeiras veces que iso pasou (contra a Gimnástica de Torrelavega na xornada 1 e en Covadonga na xornada 13) a reacción do equipo supuxo unha xira de once e dez xornadas seguidas sen caer. 

Esa fortaleza é a que defendeu este mércores en rolda de prensa Yelko Pino, e é que "o equipo demostrou moitas veces a enteireza que ten en situacións complicadas. Despois de cada derrota o equipo saíu reforzado", asegura.

O centrocampista afirma que o acontecido ante o Zamora é "doloroso" pero "fácil de dixerir" pola personalidade mostrada polo equipo, que quedou moi preto de igualar un 0-2 en contra.

Por ese motivo o 10 do Pontevedra pide "estar tranquilos", sabendo que "quedan dez xornadas, dependemos de nós mesmos e estamos nunha boa posición para alcanzar os obxectivos que nos marcamos a principio de tempada".

Para Yelko, nunha liga tan apertada, "a fortaleza mental que teñamos vai ser fundamental", polo que o mellor é centrarse "en ir patido a partido, ir sacando os partidos adiante e cada semana que pase estaremos máis preto de conseguir o obxectivo", empezando polo do próximo domingo 3 de marzo no feudo do Real Oviedo Vetusta.