Dende hai máis de seis décadas, Marucha Marescot (Pontevedra, 1928) foi a encargada de vestir á Virxe Peregrina, no seu papel de camareira maior.
Aos seus 97 anos e tras unha operación de cadeira, xa non pode subir a estreita escaleira que leva até a imaxe. Pero o seu vínculo permanece: cando as colaboradoras e camareiras da Confraría cambian o traxe á Virxe, baixan ao Neno Xesús que a Virxe leva no brazo e entréganllo a Marucha, para que siga a vestilo, coma sempre, con mimo e devoción.
Sempre nun segundo plano, accede a ser entrevistada por PontevedraViva cando lle adiantamos que este medio vai adicar un espazo especial á Virxe Peregrina. Transcribimos a charla, aínda que é imposible transmitir a proximidade, alegría e bo trato que nos dispensou en todo momento.
Marucha, dende cando se ocupa vostede da Igrexa da Peregrina?
Na miña casa, dende nena, sempre vivín a devoción pola Virxe Peregrina. Eu entrei a ocuparme da Peregrina no ano cincuenta e tantos. Deixoume unha señora, dona Victoria Garza, que era a que levaba á Peregrina.
Eu coñecíaa de toda a vida e un día vina limpar a Capela das Ánimas e díxenlle:
- Dona Vitoria, vostede quere que eu a axude?
- Como me vas a axudar, Maruchiña, díxome, se esta capela é un noxo.
- Bo, pero eu lle axudo, só porque vostede non traballe soa.
- E díxome: pois si, agradézocho.
Axudáballe na Capela das Ánimas, e un día díxome: teño que ir á Peregrina pero, mira, eu xa estou moi cansadiña, xa non podo máis, e as que traballan comigo están polo estilo, poderías quedar ti aquí na Peregrina?
Pero eu non sei se vou saber, díxenlle. E meteume na man unha vasoira e un recolledor e díxome: agora fai o que queiras. E entón, así foi. Fixen o que puiden e o que me pareceu.

Como foron eses primeiros tempos?
Cando empecei a limpar, os señores da xunta directiva dicían: parece que a igrexa está máis limpa, quen a limpará? Non sabían, porque non me vían.
Eu traballaba de gobernanta en Montecelo, en quendas polas mañás ou polas tardes, e tiña que aproveitar as horas que non estaba alí.
Ata que un día me atoparon. Pero es ti a que estás aquí, Maruchiña? E bo, desde entón eu xa marquei as miñas pautas, vin o que había que facer e pouquiño a pouco, fun cada día máis ata que me preguntaron se quería ser camareira da Virxe.
E que contestou vostede?
Ai, eu non sei se vou saber, contestei. Era un tío meu [Enrique Marescot] o presidente e díxome: si, muller, si que vas a saber. E así foi como me vin para aquí.
Estaba de sancristán un pobre rapaz interno do Hospicio e díxome: ponlle este vestido e despois poslle o manto por enriba e xa queda vestida.
E dende entón, fun nomeada camareira da Virxe, no ano 1960.

En que consiste o traballo de camareira da Virxe Peregrina?
O traballo era calquera cousa. O que lle digo, unha vasoira e un recolledor, e despois había que vestir á Virxe. Entón, díxenlle ás miñas irmás: Mirade, o tío Antero [Marescot] quere que sexa camareira da Virxe e para ser camareira da Virxe, teño que vestila, e tedes que vir axudarme.
E as miñas irmás, que eran boísimas, dixéronme: Ben, pois non lle digas que non, que para vestir á Virxe imos nós a axudarche. E así empezamos.
Cantos traxes tiña daquela a Virxe Peregrina?
A Virxe tiña tres traxes. Un branco, que é moi antigo, que é do ano 1888, paréceme, despois, un verde e un salmón, que lle regalou o meu pai, que era preciosísimo.
Empezamos con ese tres traxes, e vestiámola pola Festa, vestiámola por Nadal...
Cantos traxes ten na actualidade?
Hoxe ten quince traxes. Uns regaláronos, outros fíxoos a xunta... Total, que me xuntei con quince traxes, quince esclavinas e quince sombreiros.

En que consiste o traxe?
O primeiro, as enaguas, que todas as doou a miña nai. E despois, o vestido, que leva por enriba un cíngulo, que adoita ser dourado; o manto, que ten tres; a esclavina, que ten quince ou máis; a súa carteiriña, que leva colgada; e o sombreiro e o báculo, que son representativos do peregrino que vai a Santiago.
En canto ao báculo, teño entendido que ten unha historia vinculada á familia do cardiólogo pontevedrés Bernardo López Abadín, falecido en 2022.
Si, esta familia custódiao dende o avó ou o bisavó, non o lembro. Esta familia custodia o báculo até o día da Peregrina. E na Peregrina tráeno os fillos de Bernardo.
A min gústame que o teña esta familia, porque como a Igrexa da Peregrina non ten onde gardalo, para estar no banco, mellor en casa deles. Pero claro, agora cando eu desapareza, non sei como se fará.

Á parte deste báculo tan singular, cantos bastóns ten a Virxe?
Ten dous máis, que tamén son preciosos, un é de prata e o outro de filigrana, e custódianse aquí na igrexa. O que custodia a familia de Bernardo López creo que tamén é de prata, pero despois ten unhas pedras preciosas e ponse só o día da Peregrina.
Dos quince traxes da Peregrina, algún ten para vostede un recordo especial?
Para min todos son especiais. Pódoche contar como anécdota que hai dous toureiros, Julián Marín e Ángel Teruel, que regalaron o traxe. Co de Julián Marín no 1948 fíxose un manto e a esclavina. E co de Ángel Teruel, que foi do ano 1973, fíxose o vestido completo.
Ao longo do ano, os traxes están pendurados en perchas nun armario?
Non, porque se estiran, pesan moito. Os traxes están dobrados envoltos en papel de seda.

Cada canto tempo se lle cambia o traxe á Virxe?
Calquera día do ano. Cando levaba un mes posto cun, ou mes e medio, cambiábaselle. Pero nunca seguiamos unha orde. Agora para as festas, si se fai o cambio.
[Confirman a este medio as colaboradoras de Marucha que o cambio de traxe realízase este sábado 9 de agosto ás 15:00 horas e a Peregrina será vestida co traxe branco, o máis suntuoso, para lucir na procesión]
Os traxes están nun armario de caixóns, no piso de enriba da igrexa. Porque se se colgan, estiran. Teñen moito peso. Eu tíñaos colocados cada un no seu caixón. E como agora xa son moitos, os outros están nunha caixa de madeira grande, tapados tamén con papeliños de seda.
E ademais hai outro caixón coas esclavinas, que tamén ten moitas. Se as vexo, eu poderíalles dicir quen regalou case todas.

Tamén se encargaba da roupa dos nenos que ían na carroza?
Si, todo. Os nenos que tiraban da carroza eran do Fogar e os señores da xunta só elixían ás nenas que ían dentro da carroza.
Os nenos xa viñan vestidos e preparados, e ás nenas da carroza sempre se lles daba a roupa, e tamén ten a súa historia. Entón, había catro familias que a tiñan exclusivamente e había que pedirlla prestada para ir as nenas na carroza.
Diso encargábase a miña irmá. Ata que un día me dixo: estou cansada de pedir as cousas das nenas, que ás veces me poñen boa cara e ás veces ponma mala, así que dille ao tío Antero que imos facer a roupa das nenas.
Fixémoslles as capiñas coas carteiras, e despois a miña irmá foinas bordando. Agora xa son os traxes que levan as nenas; o martes antes da Peregrina veñen recollelos as familias e despois tráenos de volta.
Estes traxes téñenos que levar os nenos e nenas que sexan fillos ou netos de confrades.

Até hai canto tempo subía vostede a cambiar o vestido á Virxe e a preparar o armario roupeiro no piso de enriba?
Ata que rompín a última cadeira, hai catro anos, facíao todo persoalmente, pero con axuda. Como ademais de vestir á Virxe, eu seguía ocupándome de limpar a igrexa, cando vin que non podía moverme, tiven que buscar quen me limpase a igrexa.
A pesar dos seus problemas de mobilidade, comentáronme que segue visitando a Igrexa da Peregrina case a diario, como dende hai 70 anos.
Procuro vir todos os días, se cadra falto un sábado ou un domingo, se non teño quen me acompañe. Na actualidade, como estou coxa, despois da última operación de cadeira, tráeme esta señora, que é quen me coida, e por certo, eu creo que ma trouxo a Virxe porque é unha marabilla.
[Sinala con agarimo a Dolores, a persoa que a axuda no día a día e que, mentres intercambia con Marucha un enorme sorriso, manifesta a este medio: "Eu cóidoa a ela e ela é a que coida a todo o demais".]