Na madrugada do 26 de abril o "Nuevo Marcos" regresaba a Combarro desde Marín cando chocou contra unha batea índose a pique nas inmediacións da illa de Tambo.
O tráxico naufraxio acabou coa vida de Jesús Ligero Abilleira e Florentino Carballa Viñas, así como a do patrón do barco, Francisco Castiñeiras.
Dous dos falecidos eran os pais dos dous mariñeiros sobreviventes, un dos cales Carlos Carballo, foi quen chegou a terra tras máis dunha hora e media nadando e deu a alerta.
Foi un golpe durísimo para unha comunidade que vive do mar.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, que é veciño de Campelo do mesmo xeito que os cinco tripulantes do barco, trasladou a "dor" de toda a cidadanía e reflexionou sobre a "tristeza" que significa para a xente do mar "atopar o fin da súa vida á beira de casa". O Concello decretou tres días de loito.
A asociación Aetinape chegou a pedir que se implante unha medida preventiva como a sinalización luminosa de cada batea.
A do "Nuevo Marcos" é a peor traxedia na costa galega desde o afundimento, en abril de 2014, de cinco dos mariñeiros do "Mar de Marín" cando foi embestido polo "Baltic Breeze" ao saír da ría de Vigo.