Un ano de inicio e fin de grandes infraestruturas

Pontevedra
02 de xaneiro 2016

O 2015 foi un ano no que comezaron obras de grandes infraestructuras como a da autovía A-57, no tramo A Ermida-Vilaboa, e outras que o farán en breve como a Rolda Leste. E tamén remataron coutras omo o desdobramento da avenida de Vigo ou o corredor ferroviario do Eixo Atlántico que conecta A Coruña e Vigo.

Inicio das obras da Autovía A-57
Inicio das obras da Autovía A-57

As obras da autovía A-57, no tramo A Ermida-Vilaboa, e que será a circunvalación de Pontevedra, comezaron co descubrimento dun 'mojón' por parte do alcalde, Fernández Lores e da ministra de Fomento, Ana Pastor, quen dixo que se trata dunha cuestión de "xustiza social", xa que era a "única capital de provincia que non ten unha circunvalación".

A plataforma Salvemos a Fracha puxo de manifesto a "preocupación e o nerviosismo" que sofren os veciños do ámbito da Serra da Fracha ante a construción desta infraestrutura. Este colectivo mostrouse moi activo durante a primeira metade do ano pero a súa actividade foise diluíndo de maneira coincidente co inicio dos traballos por parte da construtora San José.

Ana Pastor e Fernández Lores tamén compartiron protagonismo na inauguración do desdobramento da avenida de Vigo, para o que se elixiu o nome de Josefina Arruti Viaño, "unha muller valente, unha nai coraxe".

E en abril entrou en funcionamento o Eixo Atlántico do AVE, que conecta A Coruña e Vigo, cunha oferta de dez frecuencias diarias por sentido que unen ambas as cidades en 83 minutos. Pontevedra e Vigo están conectadas en tan só 15 minutos.

O capítulo das infraestruturas na cidade péchase cun compromiso que se materializará o próximo mes de febreiro, a construción da rolda Este, o primeiro tramo da rolda urbana.

A Deputación acaba de adxudicar a construción deste viario entre O Marco e San Amaro á empresa Elsan que expón a execución desta futura estrada no prazo de sete meses e por 1,1 millóns de euros.