Un ano máxico para Javier Gómez Noya

Pontevedra
02 de xaneiro 2016

O 2015 será sempre para Javier Gómez Noya o ano no que bateu todos os rexistros coñecidos no tríatlon ao proclamarse pentacampión mundial, converténdose para moitos no mellor triatleta da historia

Homenaxe a Javi Gómez Noya no Pazo de Mugartegui
Homenaxe a Javi Gómez Noya no Pazo de Mugartegui / Mónica Patxot

O 2015 será lembrado no deporte pontevedrés, nacional e internacional, como o ano no que un triatleta que vive e adestra na cidade de Lérez bateu todos os rexistros coñecidos para entrar na historia.

Javier Gómez Noya conseguiu no ano que se pecha o seu quinto título de Campión do Mundo ITU, terceiro consecutivo, ao dominar as Series Mundiais. Non era o seu principal obxectivo da tempada, enfocada xa cara ao reto dos Xogos Olímpicos, pero co paso das carreiras quedou só á fronte da clasificación para converterse, por méritos propios, no mellor triatleta que se lembra.

Só en Abu Dhabi, na primeira cita das Series Mundiais, Gómez Noya baixou do podio, asinando desde entón dúas vitorias parciais, seis segundos postos e un terceiro.

Entre medias, o deportista galego tivo tempo para impoñerse con claridade no test olímpico de Río de Janeiro, disputado no mesmo circuíto no que se xogará as medallas nos Xogos.

Ademais, pechou a tempada impoñéndose no exclusivo Island House Invitational Triathlon, unha proba de tres días celebrada en Bahamas por rigorosa invitación e que pasa por ser un dos eventos con maiores premios en metálico do planeta.

Con este palmarés anual, non foi de estrañar o recibimento que os seus veciños lle deron á súa chegada ao aeroporto de Peinador, tras gañar o título das Series Mundiais, ou o agarimo que lle mostraron na recepción oficial do Concello de Pontevedra celebrada no Pazo de Mugartegui.