O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle ata o 18 de maio, a exposición 'Fotosensíbeis', unha fermosa e relevante mostra fotográfica que recolle traballos realizados  polo alumnado da Facultade de Belas Artes ao longo de case tres décadas.

A mostra, de entrada libre, foi comisariada polo fotohistoriador e ex profesor Manuel Sendón, quen impartiu docencia nesta facultade desde 1993 ata 2021.

Organizada polo Concello de Pontevedra en colaboración coa Facultade de Belas Artes e baixo a coordinación de Vacíocero, a exposición pretende amosar as posibilidades da fotografía como medio de produción artística.

Na mostra participan un total de 31 persoas (23 mulleres e 8 homes), entre as que se atopan nomes destacados como Maruxa Fernández, Elena Fernández Prada, Salvador Cidrás, Fran Herbello, Belén Gómez, Olalla García San León ou Victoria Diehl.

En paralelo á exposición, celebraranse diversas actividades organizadas por Vacíocero, como visitas guiadas para o público xeral ou dous obradoiros deseñados a partir de obras da mostra.

Permanecerá aberta e instalada ata o 18 de maio no horario habitual da Sala, de martes a venres de 18 a 21 horas. Sábados de 12 a 14 e de 18 a 21 horas. Domingos e festivos de 12 a 14 horas. Luns, pechada.

Pazo da Cultura, Pontevedra 

Máis eventos

Ver máis eventos