Tardei en ver a serieAdolescencia (Netflix). Lera que estaba rodada en plano secuencia, sen cortes de cámara. Desde Orson Welles eAlfred Hichcocktodo o que vin de plano secuencia non me gustara. Deixei o prexuízo e púxenme a vela, contando que ía abandonar aos dez minutos. Fiquei absorto, aparvado, mais tamén asustado, sen deixar de vela ata o final. O director da serie, Philip Barantini, manexa o plano secuencia como unha ferramenta que favorece a inmersión do espectador. Fai unha peza valente onde non hai montaxe nin campo-contrapunto, como se fora teatro con exteriores. Nótase moita preparación e moito ensaio por parte dos actores. Adolescencia comeza como calquera serie negra británica ou nórdica. Dous axentes de policía agardan no coche oficial, aparcado nunha rúa dun típico suburbio británico. Móvese a cámara e unha morea de policías, cun ariete na man, forzan a entrada da casa dos Miller para prender aJamie, de 13 anos. Sospéitase que ese neno, con cara de crío, e os pantalóns mexados polo susto, apuñalara a morte a unha compañeira de colexio.
A serie está gravada en catro capítulos. O primeiro é o día da detención. O segundo, tres días despois, desenvolvese no colexio. O terceiro, sete meses despois, é unha reunión entre Jamie e a psicóloga. O cuarto, trece meses despois, mostra á familia. A serie non trata de equilibrio, nin establece ningunha verdade e, aínda menos, obxectividade. Isto vai do momento, do lugar e dos personaxes. Un relato coral con actuacións soberbias. Destacan Stephen Graham(Eddie Miller, o pai), tamén é coguionista, como pai de Jamie. Owen Cooper fai de Jamie Miller, que o borda no capítulo terceiro, pasando da ira á bondade inocente, dando a réplica aErin Doherty, que fixodeprincesa Ana en The Crown, impresionante no papel da psicóloga Briony Ariston.
Véndoa cheguei a angustiarme nalgún momento. Póñome no lugar do pai, un bo pai, un bo esposo, un bo veciño, un bo traballador, serio e responsable, comprensible e tenro. Vai facerse sempre a mesma pregunta: "Si penso que fixen as cousas ben, que fixen mal para que o meu fillo fixera esta maldade?". No capítulo 3 a psicóloga pregúntalle a Jamie si coñece o sentido da morte, e non o ten claro. Aparecen para min conceptos que descoñecía, que tiven que buscar para saber de que ían cousas como a Regra 80/20 ou "pílula vermella" que se mencionan varias veces. Aprendín que 80/20 é unha teoría da comunidade"incel"(1) que suxire que o 80% das mulleres séntense atraídas por un 20% de homes, deixando aos demais sen posibilidades. Jamie consumiu moito contido misóxino online antes de asasinar. Os "incel" culpan do seu "fracaso sexual" ás mulleres. A idea da "pílula vermella" (ás veces "pílula negra") é unha metáfora que ven da película Matrix onde o protagonista ten que elixir entre a pílula azul para permanecer no mundo da ilusión ou tomar a pílula vermella para ver o mundo como é. Na "manosfera"(2), os "incel" persuaden a outros para que tomen a "pílula vermella" para que ao espertar vexan a realidade, o mundo tal como é, para darse a razón a si mesmos, a pílula "confírmalles" que están oprimidos polo feminismo, pola igualdade. Non podemos pensar que é só un thriller senón que nos ensina os perigos das redes e as súas radicalizacións. Mostra como inflúen as redes na construción da identidade, o "bullying" e as relacións de xénero a estas idades tan vulnerables e influenciables. Pon claro o mundo da "manosfera" ca masculinidade tóxica e a ciberviolencia. O tema foi obxecto de debate no Reino Unido, provocando moito rebumbio. O primeiro ministro Keir Stramer anunciou un plan para incorporar aos colexios a serie, de balde, acompañada de charlas e diálogo sobre eses temas. Tamén houbo rebumbio polo outro lado, pola dereita e extrema dereita, pola "manosfera" a través dos seus comentaristas dicindo que era "cumbre da propaganda anti-branca".Boris Johnsoncualificouna de "merda ben xogada" (Daily Mail 05/05/2025) e, como non, Elon Musk fixo campaña contra ela, na súa rede X, porque o protagonista era branco. Aconsello que a vexades e opinedes por vós mesmos. A min paréceme soberbia.
"Incel", acrónimo de involuntary celibate (célibe involuntario, virxe).Quen se identifica con este termo afirma vivir sen relacións sexuais nin afectivas, a pesar de desexalas.A través dos foros "incel" foron in crescendo en expresións de misoxinia, hostilidade, apoloxía da violencia cara ás mulleres e persoas LGBTIQ+, deshumanizándoas e responsabilizándoas pola súa falta de interaccións sexo-afectivas, chegando mesmo a promover ou realizar actos de violencia extrema.
"Manosfera", neoloxismo de man (home) e sphere (ámbito, espazo), é unha rede de sitios web, blogs e foros en liña que promoven a masculinidade pomposa, a hostilidade cara ás mulleres ou misoxinia, e unha forte oposición ao feminismo. A "manosfera" asociase politicamente coa extrema dereita.