Cando acertar quebra a alma

02 de setembro 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

Os asasinatos machistas sucedéronse ao longo de todo o período estival practicamente día tras día, as veces hora tras hora, mentres os nosos políticos pelexaban polo poder coma nenos polo balón na hora do recreo, utilizando, iso si, os cadáveres destas mulleres para as súas noxentas leas cando crían que lles podían sacar partido, cunha ministra de Igualdade en funcións desaparecida

Abondarían moi poucas palabras para resumir a esencia deste artigo:

Dor, desesperación, impotencia.

 

Hai 24 horas que non podo poñer a Tv., que, contra a miña costume, non leo un xornal, non quero que me falen de violencia de xénero, menos aínda do bico que está a ser o "tema estrela" nestes días... Para ser sincera, prefiro que non me falen de nada, porque non podo máis, literalmente, como soa, non podo máis!

 

No mes de xuño, como cada ano desde hai 10, alertamos, desde Si, hai saída, das datas sumamente perigosas que se achegaban para as vítimas de violencia machista xa mergulladas nela ou para as que o eran en potencia.

 

Advertimos deste perigo real que supoñen os períodos vacacionais, un perigo que se ve reforzado, ademais de pola xa habitual falta dos recursos máis elementais, coas Ufam das comisarías baleiras, con Puntos de Encontro Familiar pechados, e, nos últimos anos, por un goberno centrado tan so en non perder nin un so despacho, nin unha soa cadeira, unha oposición ávida por arrebatarllos e un Ministerio de Igualdade dirixido por unhas mulleres borrachas de poder, amorais onde as haxa, que van deixando un rastro de mulleres asasinadas ao seu paso sen que se inmuten.

 

Tan só os casos mediáticos, os que lles aseguran cámaras, micrófonos e a conivencia das falsas feministas, das de "estás con nós ou contra nós" que, mergulladas no seu particular fanatismo non semellan decatarse, porque non hai cego, neste caso cegas, máis cegas que aquelas que non queren ver, de que tamén a elas as están utilizando, deixan testemuña de que están aí, cos petos cada vez mais cheos, e cun oco cada vez máis grande e máis profundo, máis baleiro de escrúpulos, no sitio onde deberían ter un mínimo de conciencia, e con máis lixo cada día no seu sitio.

 

Quince mulleres asasinadas nos deixa, polo momento, este sanguento verán que aínda non rematou, amén dos fillos orfos dalgunhas das vítimas e, por suposto, de familias, de seres queridos de todas elas, rotos pola dor, para os que a vida xa nunca será igual.

 

Os asasinatos machistas sucedéronse ao longo de todo o período estival practicamente día tras día, as veces hora tras hora, mentres os nosos políticos pelexaban polo poder coma nenos polo balón na hora do recreo, utilizando, iso si, os cadáveres destas mulleres para as súas noxentas leas cando crían que lles podían sacar partido, cunha ministra de Igualdade en funcións desaparecida, o mesmo que as megalómanas que integran o seu séquito, lambéndose, supoñemos, as feridas que lles inflixiu o rexeitamento da súa outrora amiga e compañeira Yolanda Diaz, experta en escalada política, en trepar ao prezo que sexa, que, consciente da sua nefasta xestión, decidiu que o mellor para o seu expediente sen mácula, alomenos de momento, era poñer distancia e mantelas afastadas, ou, dito máis claramente, prescindir delas.

 

Foi preciso que un exultante "machirulo" do fútbol propinara un bico fóra de lugar para que, como non, a Sra. Ministra decidira emular o Ave Fénix e rexurdir rapidamente das súas cinzas, pero obviando o máis importante, que os cadáveres de mulleres asasinadas se amontoan.... Ao fin e ao cabo eso non é nada novo, e o bico... Ai, o bico o que da de si, e o que vai seguir dando, a lo menos ata que outro "acontecemento" veña a desbancalo!

 

E que quede claro que non estou a valorar o tema do bico. Non é o asunto do que hoxe quero falar, ademais de que, desde Si, hai saida xa nos pronunciamos cando sucedeu, e o dito, dito queda, ou mellor, afortunadamente, escrito, sen seguir dándolle voltas ao que é, ou debería ser, unicamente, competencia da xustiza.

 

Tivo que chegar o 30 de Agosto, o final do verán!, para que a Sra. Montero, seguida, como non, da súa fiel escudeira, a Delegada do Goberno para a Violencia de Xénero (mesmo dor me produce unir estes cargos ao nome destas mulleres!) se dignara a convocar un comité de crise, deses tan útiles, dos que saen solucións tan "efectivas" como as que xa estamos a ver, tendo bo cuidado, iso si, de presentar como seus os argumentos de alerta que, ANOTRAS ANO, como demostran os sucesivos comunicados que emitimos os que estamos a traballar coas vítimas día tras día e coñecemos de primeira man a súa realidade, aportamos, e anunciando que van a "estudar" os posibles factores de risco e as causas que provocan este aluvión de feminicidios, porque , polo que se ve, aínda non o teñen claro, aínda teñen que estudalo...!

 

É, sinxelamente, incrible, desesperante.

 

Pero máis desesperante aínda, se cabe, e a pasividade dunha sociedade que non reacciona, a que semella que tanto lle ten esta masacre, a ese "feminismo" que se bota a rúa a facer reivindicacións, clamando xustiza para delitos que teñen a súa gravidade, por suposto que si, pero que, obviamente, non son comparables a esta imparable estela de asasinatos machistas, pero que tolera e aproba sen problema a incualificable conduta das que ostentan, se supón, a máxima responsabilidade no que atinxe a loita contra a violencia de xénero.

 

Ata onde chega a hipocrisía desta sociedade nosa? Que clase de miserable moral existe que, tendo diante dos seus ollos o principal motivo polo que a violencia de xénero non deixa de medrar, fica impasible?

 

Non hai castigo abondo para todos e todas cantas están a permitir que este feminicidio continúe, porque podemos adornalo canto queiramos, pero todo aquel que co seu silencio, coa súa indiferenza ante o evidente, podendo contribuir, en maior ou menor medida, a que esta masacre se vexa, a lo menos un pouco atenuada, apoiando co seu silencio cómplice, a un Ministerio de Igualdade que xa hai demasiado tempo que demostrou a súa ineficacia e os verdadeiros fíos que moven as súas integrantes, que non son outros que a sua desmedida ambición, a súa ansia de poder e os seus intereses, está axudando a que a nós, as mulleres, nos sigan matando.

 

E moi humano, ante temas que son obxecto de debate, alegrarse cando se demostra que temos a razón, e alegar eso de "xa o dicía eu!", pero hai ocasións, como esta, na que unha vez mais, alertamos do que, case con toda probabilidade, ía pasar, que, ou se carece totalmente de sentimentos, ou, de non ser así, acertar quebra a alma.

 

Asociación Si, hai saída