Hai unhas semanas que, despois dun tempo desaparecida dos focos mediáticos, pola conta que lle tiña, pero que, á vista das manifestacións que está a facer, non foi quen de aproveitar ese tempo para reflexionar sobre os gravísimos erros que cometeu, nin para ter a humildade de recoñecelos e pedir sequera unha desculpa, volveu ocupar algúns titulares unha "señora" con ínfulas de xornalista, e que, tal vez, o descoñezo, teña un título que a acredite como tal, pero da que penso que é toda unha deshonra para tan digna profesión, que se fixo famosa defendendo o indefendible, co seu discurso ditatorial, insultante, déspota, e que, chegou, en non poucas ocasións, se non a caer de cheo nel, a rozar no delito de odio, e a que non vou nomear, primeiro, porque é o que ela busca, ser nomeada, publicidade, para tentar volver á primeira liña, e segundo, porque creo que a descrición que acabo de facer abonda de sobra para saber de quen se trata.
Rexurdiu, como digo, nos medios, laiándose da súa actual situación, que a levou a ser despedida da canle da que se creu ama, señora e raíña, ignorando ou pretendendo ignorar unha verdade irrefutable: que ninguén é imprescindible, a que aqueles que tanto a loaban, e que debeu de ser ela a única que non se decatou, o facían por puro interese, agora lle deran as costas, e que os que a defendían encarnizadamente, a ataquen na actualidade sen piedade, como ela facía e segue a facer, tirando tamén agora de vitimismo, demostrando, iso si, que non sementou en balde, e que, froito dos seus propios ventos, acabou por chegar para ela a tempestade, xa que están a actuar coma ela o fixo, coma ela lles ensinou, nin mais nin menos.
Malia isto, non dubida en saír nas fotos, en dar entrevistas, chorando, si, pero sendo incapaz de recoñecer que o fixo mal, moi mal, e continúa culpando e insultando a cantos nos comparten os seus desatinos, sen asumir que ela é a única culpable da súa situación actual, e que segue a ser a perfecta demostración do maltrato verbal, que, por se non o sabía, ou aínda non foi quen de aprendelo, e tamén un xeito de violencia, e dos máis graves, que non difire para nada dese machismo, patriarcado, fascismo, homofobia, e que sei eu eu cantas cousas máis das que ela non dubida en culpar a cantos e cantas non entoamos o "si, bwuana" ante os seu malsáns e crueis fustrigación e acoso verbal, e que merecería un castigo exemplar.
Polo que a min atinxe, pouco mais podo opinar sobre esta "señora" que non teña dito xa, e que nos abocou, no seu momento, a Si, hai saída e a min a título persoal, a ser carne de canón de faltas de respecto, inxurias, insultos e mesmo ameazas, por non compartir o circo mediático que creou a costa da violencia de xénero e pregar a súa retirada, o cal non quere dicir que, como moitos e moitas din, a odie, nin moito menos, xa que non a coñezo persoalmente, e, ademais, teño que recoñecer que o odio non é, afortunadamente, un sentimento que me caracterice, nin contra ela nin contra ninguén, pero que si me produce un enorme, rotundo e contundente rexeitamento e, por que non dicilo, desprezo, como xa dixen no seu día e no cal me reafirmo, máis enerxicamente aínda se cabe, polo enorme e irreparable dano que fixo a loita contra a violencia de xénero, e, porén, a moitas das súas vítimas, aproveitándose da súa vulnerabilidade emocional, lóxica cando se está a vivir unha situación tan tremenda, na que te agarras a un cravo ardendo, e na que queres escoitar e crer a quen di aquelo que che gustaría que forse certo, e ás que xerou unhas expectativas que, obviamente, eran totalmente falsas, irreais, pero das que tanto ela coma a cohorte de "expertos e expertas" das que se rodeou, así como a protagonista de tan lamentable espectáculo, se lucraron, sacaron un máis que indigno rendemento, e que, aínda por riba, se premiou co apoio, entre outros, da ministra de Igualdade, algo que clama ao ceo, sen ter en conta a degradación que isto supoñía para a auténtica loita contra a violencia de xénero, a que estaban a restarlle toda credibilidade.
Pero, en contra do que se puidera chegar a crer, isto, que debera ter servido de lección, xa que tamén pasou factura á canle que creou e axudou a manter tal "monstro mediático", nada, por outra banda, novo nela, tamén é verdade, non o fixo en absoluto, e, en lugar de rectificar, imos de mal en peor.
Non consumo moita Tv., as cousas como son, pero esta tempada que tiven que estar de "semirrepouso", admito que o aburrimento me fixo agarrarme ao mando máis dunha vez, e quixen comprobar por min mesma o que tanta xente me ten comentado a propósito de certos programas, "magazines"... non sei moi ben como chamalos, a verdade, e o que vin e escoitei non me puido resultar máis desolador.
Os que comezaron sendo "programas do corazón", e que se ocupaban exclusivamente de dar conta das cuitas do "famoseo", o cal me parece moi lícito, xa que ten que haber gustos para todos, resulta que agora se converteron nunha mestura destes temas, que, sin dúbida, atraen público, cunha especie de foros nos que se "debate" acerca de temas tan serios e tan graves coma a violencia de xénero, bullying, homofobia,agresións sexuais, etc, etc.
A priori, isto podería semellar non ser malo de todo, se ben eu creo que hai un espazo para cada cousa, e todo ten cabida se se situa de xeito adoitado , sen mesturar a frivolidade con lacras tan graves coma as que se están a vivir na nosa sociedade.
Pero o peor de todo non é isto, se non os personaxes aos que se encomenda debater sobre estes temas, aos que se erixe en auténticas autoridades nestas materias, e que están enchendo os seus petos lanzando en ocasións unhas mensaxes que son auténticos dardos envelenados para a loita contra as lacras que antes mencionei.
Actrices e actores, presentadoras e presentadores, ex vedetes, ex modelos, cantantes, "celebrities", etc, etc, que, na maioría dos casos coñeceron tempos mellores e buscan volver ao mundo do famoseo ao prezo que sexa, así coma novos "talentos" procedentes de "realities", nos que se cousifica as mulleres ata o extremo e que son auténticas odas ao machismo máis acérrimo, expoñen as súas "sentenzas",algo máis que cuestionables, coma se fosen auténticas autoridades xudiciais, legais, ou especialistas na problemática que se estea a tratar nese momento, sen que ninguén semelle ter en conta que son un auténtico perigo, porque, guste ou non admitilo, estes programas teñen audiencia, e o que din, calla.
Así as cousas, non é raro escoitar, como sucedeu o pasado Xoves, como a condutora dun destes programas, ante un caso tan arrepiante como o duns posibles abusos a menores por parte dunha coidadora da gardería a que acudían e que están baixo investigación, condenaba sen paliativos a coidadora porque o dicía ela, e punto, e os demais lle daban a razón.
E este é tan só un exemplo do que se escoita cada día, sen que ninguén tome as medidas oportunas acerca dalgúns medios de comunicación que son auténticos niños de voitres, nin faga nada por remedialo, porque o caso é ter audiencia e xerar negocio.
O dito, seguimos sen aprender, e, o peor de todo, queremos facelo?