Folio en branco

25 de novembro 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

Poucos días despois desta oda a falsidade chegará unha nova ponte, unha das máis longas, que, unidas as fins de semana, sumarán, desde o Venres, 1 de Decembro, ata o un total, nada máis nin nada menos, que de 10 días nos que as Ufam das comisarías ficarán, de novo, baleiras

Cada ano, e xa van case 10, cando chega esta data, o 25N, en Si, hai saída temos a mesma esperanza: A de non ter nada que dicir, a que a hora de escribir sobre violencia machista, teñamos que enfrontarnos a un folio en branco imposible de encher porque non teñamos motivo, porque o pasado, o sanguento pasado ateigado de nomes de mulleres asasinadas, de nenas e nenos orfos de nai ou aos que a violencia machista tamén golpeou dun xeito atroz chegando a arrebatarlles  así mesmo a algúns deles, a demasiados, as súas curtas vidas, sexa xa  precisamente eso, pasado, tráxico, moi tráxico, lamentablemente irremediable, pero que, nun lastimoso paradoxo, serviran de chave para pechar este goteo incesante de asasinatos machistas, porque se fixera todo o posible para que así fora, máis, desgraciadamente, un ano máis, os nosos desexos non soamente non se ven cumpridos, se non que vemos, impotentes, cheos de frustración, como o número de mulleres asasinadas medra e medra dun xeito insoportable, e que, lonxe de traballar en serio, buscando solucións reais, cada un no terreo que lle corresponde, o único que non deixa de medrar ao abeiro deses asasinatos, case impunes a maioría deles, é o negocio, o postureo cheo de falsidade, e o incesante nacemento de "chiringuitos" promovido por personaxes que, ao abeiro de tanta dor, atoparon un negocio dos máis lucrativos que existen, sen ningún tipo de remordemento, contando, pola contra, co apoio dunha sociedade, dunhas institucións, que, lonxe de condenar este mercadeo incesante, o aceptan e o apoian, na procura, así mesmo, do seu propio beneficio.

 

A semana que remata foi, sempre é, coma unha especie de ensaio xeral, que culminará este sábado, dia de estrea, con numerosas postas en escena, a cada cal máis rechamante, competindo por ver quen leva a estrela ou estrelas con máis fama para atraer público e xustificar eses miles de euros que van a entrar, que entran, ao largo de todo o ano, nos seus petos, que a máis dun e dunha lle arranxaron unha vida profesional que non arrancaba ou que esmorecía, ademais de proporcionarlles un posicionamento e un renome social co que nunca xamáis soñaron.

 

Poucos días despois desta oda a falsidade chegará unha nova ponte, unha das máis longas, que, unidas as fins de semana, sumarán, desde o Venres, 1 de Decembro, ata o un total, nada máis nin nada menos, que de 10 días nos que as Ufam das comisarías ficarán, de novo, baleiras, pero as pancartas do 25 N, as consignas, xa serán historia e cada unha das que as suxeitaban e as coreaban, agás raras excepcións, Institucións incluídas, xa estarán a outras cousas, moitas delas facendo as maletas para gozar deses días de lecer aparcando o compromiso, a concienciación, ata que un novo feminicidio lles brinde a ocasión de saír noutra foto, mentres presiden outro efectivo minuto de silencio, repetíndose unha e outra vez esa espiral de desatinos a que chaman loita contra a violencia de xénero, pero que a moitos.....e a moitas, lles cambiou a vida e o estatus.

 

Tamén é certo que pouco importa, porque se algo se "esquece" neste tipo de actos, reivindicacións, ou como se lles queira chamar, é mencionar estes "detalles menores", porque facelo implicaría traballo e, por riba de todo, "mollarse", e poñer tantos miles de miles de euros en xogo non é plan.

Reivindicativos si, pero prácticos, moito máis!. 

 

Moitas mulleres pasarán, nestas datas, nas que a violencia machista medra de xeito notable, pola amarga experiencia, tras ser agredidas,  de someterse a ese test  de valoración de risco, VioGén, do que tanto se fala, do que tantos fallos se recoñecen, e que ocupou tantos discursos nesta "semana da concienciación", pero que nunca se arranxan, realizado por axentes de Policía que nin eles mesmos saben moi ben como,xa que non é seu cometido,  pero aos que non lles quedará máis alternativa ante a ausencia dos seus compañeiros das Ufam, máis afortunados, supoñemos que con dereito a selo, pero que non logramos entender por qué ninguén os substitúe, nin ninguén responde a nosa pregunta

 

Que a vida de moitas mulleres, e pode que mesmo dalgún neno ou nena, corra un serio perigo por unha mala valoración, é algo que nin se contempla. 

Se acaso a posteriori, cando xa non ten remedio, pero antes......nin en sonos!.

A prevención queda para os delitos importantes, como evitar as estafas no "Black Friday", ou que te esquilmen no destino elixido para pasar a ponte.

 

Os delitos de categoría menor, como a violencia de xénero, non son para quitarlle o sono a ninguén, so faltaba!.

 

Ademais, que máis ten, sempre se fixo así, non si?, pois así está ben, xa se irá vendo, porque non é cousa de complicarse a vida agora, despois de tantos anos deixandoo estar, porque, unha vez que a "macroponte" remate, a pouco que estiremos a man, estará aí o Nadal, e con el uns cantos días máis de vacacións nos que de novo Ufam, Xulgados, Cim, estarán prácticamente paralizados, e non retomarán a súa actividade normal ata o 8 de Xaneiro.

 

Dito doutro xeito, entre ponte, Nadal, e fins de semana, as vítimas de violencia de xénero estarán practicamente desprotexidas de todo durante 3 semanas.

Todo moi lóxico, non si?  

Todo un exemplo de prevención!

 

Supoñemos.... que digo supoñemos?, damos por sentado, que todos os maltratadores e potenciais feminicidas o terán en conta e cesarán tamén nas súas "actividades" ata esa data, así que, qué problema hai?

 

Imos ao que importa, que é deixarse ver cando hai que deixarse, e o demais xa se irá amañando.... ou non, pero mentres se poida botar man dun discurso que maquille a realidade, que é o que realmente interesa, tampouco hai que racharse as vestiduras, e sobre isto si que hai acordo.... sempre!.

 

Así as cousas, moito nos tememos que seguiremos véndonos na necesidade de mercar folios, porque o desexado folio en branco aínda non chegou, e moito nos tememos que nunca o fará.

 

Asociación Si, hai saída