Mal comezamos

20 de xaneiro 2024
Actualizado: 18 de xuño

Hai unha semana, facíamonos eco do dantesco comezo de ano que tivemos en canto a violencia de xénero, con tres asasinatos, unha muller e dous menores, e unha terceira que, malia estar, teoricamente, protexida por toda clase de medidas, salvou a vida grazas intervención da propietaria do hotel no que se aloxabaspandejavu>

Hai unha semana, facíamonos eco do dantesco comezo de ano que tivemos en canto a violencia de xénero, con tres asasinatos, unha muller e dous menores, e unha terceira que, malia estar, teoricamente, protexida por toda clase de medidas, salvou a vida grazas intervención da propietaria do hotel no que se aloxaba.

 

Nada diferente, malia o tremendo que isto que isto pode soar, do que ven sucedendo desde hai moito tempo, demasiado, e que baixo a batuta do Ministerio de Igualdade que acaba de cesar, acadou cotas de auténtico terror.

 

Difícil igualar unha xestión máis nefasta, que tantas vidas se cobrou, e que foi, basicamente, a demostración evidente dunha auténtica borracheira de poder por parte de quen tiña nas súas mans tantas vidas, que, obviamente, foron para elas sinxelas ferramentas para trepar e para instalarse nunha vida algo máis que acomodada que criticaron duramente mentres non estivo ao seu alcance, pero a que rapidamente se adaptaron, amosando cal era a súa auténtica prioridade: seguir medrando para continuar levando un nivel de vida que, probablemente, sempre ansiaron, pero nunca soñaron con acadar e non dubidando en utilizar a violencia machista e as súas vítimas como ferramentas para conseguilo, chegando, en non poucas ocasións, a convertelas nun auténtico espectáculo, mesturándoas co famoseo mais "casposo".

 

Acabamos de estrear novo Ministerio de Igualdade, e cantos traballamos con vítimas de violencia de xénero, os que de verdade coñecemos e vivimos a súa realidade, contemos o alento agardando que vai pasar agora, baixo a batuta da nova ministra, malia que somos conscientes de que, a pouco empeño que poña, e agardemos que non sexa así, non lle vai resultar dificil superar o traballo da súa antecesora, porque tería toda a formación e todos os títulos do mundo, pero en canto a sensibilidade, empatía, implicación e, o mais importante, medidas e solucións reais, non puido deixar o listón mais baixo.

 

Obviamente, aínda non hai elementos de valoración para cualificar como vai ser a súa xestión... pero, cando apenas lle deu tempo a tomar posesión do seu cargo, xa temos, servida como non!, a primeira polémica, da man, coma sempre, dalgunhas das "autoridades feministas", sempre aí, prestas a crlticar... perdón a reivindicar, pero non tanto a levar a cabo traballo e accións realmente efectivas, que son, obviamente, moito mais laboriosos e sen apenas lucimento. Máis ben todo o contrario, porque deixan ao descuberto evidencias que non interesa en absoluto que se vexan.

 

A polémica vén dada pola decisión de Ana Redondo, a nova ministra, de cambiar o nome da súa Secretaría de Estado, substituíndo o termo de "violencia de xénero" polo de "violencia contra as mulleres" por considerar que o primeiro, popularizado a partir do 2004, coa aprobación da lei referíase tan so a protexer as mulleres que sofren malos tratos por parte das súas parellas ou ex parellas.

 

Desde o ano 2014 tamén se consideran vítimas de violencia de xénero aos fillos das mulleres que sofren este tipo de violencia, mais ese termo, violencia de xénero, seguía deixando fóra a outras violencias machistas que afectan as mulleres polo feito de selo, malia que se foron implementando medidas para extendelas a todas as vítimas de violencia machista, independentemente de como e quen exerza esta violencia, e xa temos, como dixen, a polémica servida.

 

Non digo eu que a nomenclatura da Secretaría non teña a súa importancia, pero, realmente é unha prioridade a debater?

É de recibo, coa tráxica traxectoria que xa ven de atrás e tres asasinatos cando aínda non rematara a segunda semana de Xaneiro que isto sexa o primeiro que "reivindiquen"?.

 

Nin unha soa palabra para a muller asasinada, nin para os dous nenos, nin para a supervivente, malia que a súa desprotección se fixo máis que evidente, xa que lembremos que existía unha orde de afastamento e estaba vivindo nunha casa de acollida, ademais de estar incluída no "eficacísimo" sistema VioGén.

 

Ninguén pediu explicacións nin esixiu que se depuraran responsabilidades, e tampouco, nin a ministra, nin a súa Secretaria de Estado de Igualdade, Ana Mª. Calvo, se pronunciaron, algo que, desde logo, inspira calquera cousa agás confianza, e que, oxalá nos equivoquemos, fai que nos temamos que a xa acostumada política de correr unha cortina de fume vai seguir estando vixente.

 

Realmente se lles pasa pola cabeza que as vítimas, de violencia machista, as familias, aos orfos das que xa non están, lles preocupa nin o máis mínimo como se denomine a Secretaría?

 

Tampouco nesta ocasión se abordou a raíz do problema, malia quedar máis que ao descuberto. De feito, cada vez se cala máis, mande quen mande.

 

Un nome, esa é a prioridade.

Que a nós, as mulleres, nos sigan matando, que os nosos fillos poidan correr a mesma sorte, é algo, polo que se ve, secundario.

 

Oxalá nos equivoquemos, e nos sorprenda o xiro que tomen os acontecementos, pero, de momento, malia que, reiteramos, é prematuro pronunciarse, moito nos tememos que imos ter o mesmo can con distinto colar.

 

Comezar, desde logo, non comezamos nada ben.

 

Asociación Si, hai saída