Son empresas de recobro, as que entidades bancarias, aseguradoras, compañías eléctricas, etc, etc, venden débedas dos seus clientes, as que denominan, eufemísticamente, "xestores externos", e que, movéndose no limiar da legalidade, cando non apeándose sen o menor escrúpulo del, converten, como xa dixen, as vidas daqueles e daquelas as que teñen no seu punto de mira, nun inferno moi difícil, por non dicir imposible, de soportar.
Un atraso nun pago, un recibo devolto, malia que sexa de xeito involuntario, por un erro da entidade, por exemplo, porque estas cousas as veces pasan, abondan para que, desde xa, e sen dar nin a mais mínima oportunidade de explicarse a persoa afectada, comece unha situación de acoso continuo que chega a ser insoportable para a persoa afectada, chegando, en non poucas ocasións, a provocarlle serios problemas de ansiedade, mesmo tamén de saúde, amén doutros problemas non menos graves derivados de todo isto.
Desde o minuto cero no que se produce ese presunto impago, porque esa é outra, xa que non sempre as cousas son o que parecen e hai moitos matices máis que discutibles, comezan as chamadas, primeiro facéndose pasar por empregado ou empregada da empresa coa que teñen a débeda, nun ton máis ou menos correcto, esixíndolles que lles faciliten os seus datos persoais, nome, enderezo, DNI...
Se a persoa a que se dirixen se nega a facilitarllos, que é o que se debe facer, por suposto, o ton empregado xa se fai totalmente agresivo, e a partir de aí, comeza un calvario que non todo o mundo é quen de soportar, e que a nos, en Si, hai saída, nos contan cada día moitas das nosas usuarias.
Chamadas a todas as horas, mañá, tarde e noite, en moitos casos mesmo as fins de semana, independentemente de que a débeda reclamada sexa ou non correcta, esixindo o pago da mesma, nun ton cada vez máis agresivo, chegando a ameazar con embargos, con procesos xudiciais, coa inclusión en ficheiros de morosos, con visitas presenciais no domicilio ou no centro de traballo, así como mails e mensaxes de texto mañá, tarde e noite, que se prolongan, ás veces, ata máis alá da media noite, son o modus operandi habitual destes mafiosos, pero que non teñen, malia que pensen o contrario, nin moito menos, patente de corso.
Algunhas van aínda máis alá e chegan a contactar con familiares, veciños ou xente da contorna profesional do presunto debedor ou debedora.
Non é a primeira vez que vemos como algunha destas persoas chegan a recibir ata 20 ou 30 chamadas nun so día, con intervalos de tan só escasos minutosentre unhas e outras, ao mesmo tempo que lle están enviando mails e mensaxes de texto.
Naturalmente, isto no é legal, xa que se trata dun delito de acoso e de coaccións, e é, por suposto, denunciable, pero o medo, a vergoña a que se sepa no seu traballo, no que moitas non teñen nin un contrato que as ampare legalmente, ou a sensación de impotencia ante unha situación que xa as reborda, fai que estos mercenarios, porque é o que son, auténticosmercenarios, as poñan ás veces ao borde da tolemia máis absoluta.
Evidentemente, nós, en Si, hai saída, ademais de explicarlles que non teñen por que soportar un acoso de tal calibre, que se poden tomar medidas legais, que ninguén, agás un xuíz, pode proceder a un embargo, e no caso da maior parte delas, ese embargo non se chegaría a producir nunca, xa que, por desgraza, os seus ingresos non superan o SMI, nin teñen patrimonio ningún, e tal o temor e a vulnerabilidade que senten que rexeitan iniciar as medidas oportunas, co cal a bóla de neve do medo , da ansiedade, medra de día en día, chegando a provocar problemas de saúde e mesmo no traballo, xa que é imposible render ao cen por cen nese estado de constante tensión.
Non faltaron tampouco os casos nos que algún destes malnacidos contactaron coa ex parella da muller afectada, co que isto implica.
Outras chegaron a perder algunha oportunidade laboral ou de ter unha entrevista para algún traballo, xa que, de pura desesperación, optaron por quitarlle o son ao teléfono, por non collelo, ou por, directamente, apagalo, polo que ao non poder contactar con elas, xa non volveron a telas en conta.
Inútil, ademais, bloquear estas chamadas, xa que se producen desde diferentes números, e, se as colle coa garda baixa e responden a elas, en moitas ocasións o que atopan ao outro lado da liña é o silencio máis absoluto, nun claro intento de desestabilizalas e intimidalas.
Cada vez son máis as persoas que, sobre todo desde que a pandemia chegou as nosas vidas, coas consecuencias que todos coñecemos, están a vivir este calvario, moitas delas, reitero, vítimas de violencia de xénero, e a todas elas nos gustaría pregarlles que non calen, dicirlles que estamos aquí para axudalas e queNINGUÉN, e repito, NINGUÉN, ten por que soportar tales abusos, independentemente de que teña ou non débedas.
Malia que pensen o contrario, a lei as ampara, e é tal a prepotencia, a soberbia coa que actúan créndose impunes, que van deixando pegadas ao seu paso, moitas, as suficientes como para pararlles os pés como xa sucedeu en moitas ocasións, cada vez máis, malia que non sempre chegue a saberse.
Son, reitero, auténticos mercenarios do cobro, pero non todopoderosos, e loitar contra eles, que se saiba dos seus abusos, é o único medio para frealos, porque, ademais, agás rarísimas excepcións, a súa chulería se encarga de proporcionar as probas precisas.
Unha vez máis temos que lembrar que aquilo do que non se fala, non existe, e estes atropelos existen, pero os medios para loitar contra eles, tamén, e, a diferenza deles, coa lei na man, non como delincuentes, que é o que son, sinxelamente delincuentes.