Fai uns días, adentréime nunha tenda da exitosa marca pontevedresa Reizentolo, onde atopei unha camiseta co lema "Na miña cona non manda nin Ken". Este eslogan, intelixentemente ideado dende a película Barbie, inmediatamente fixo que reflexionase sobre que crucial sería que esta consigna tamén se aplicase ás nosas mentes.
Non se trata solo de pensar en Ryan Gosling (Ken) en Barbie, senón nas diversas crenzas que exercen tanta influenza e que lamentablemente teñen un dominio sobre o que pensamos. Son como estrelas que trazan o noso rumbo, definindo como percibimos e actuamos no mundo.
Pode servir de exemplo, a recente controversia ao redor das condutas de Luis Rubiales, indecentes e arrogantes; reflexo das crenzas machistas que cuestionan a credibilidade da versión da muller ou a culpan, argumentando que as súas accións provocaron os incidentes. Algúns condenano outros desculpano, segundo as conviccións de cada un.
Agora ben, a parte desta polémica, existen outras moitas persoas con crenzas extravagantes ou moi locas. Así, a pesar da amplia base científica, algúns defenden que a Terra é plana, en lugar de esférica (os terraplanistas), outros seguen afirmando que a creación da Terra e tódalas formas de vida axústanse exactamente aos relatos de antiguos textos relixiosos, rexeitando así a teoría da evolución e a acumulación de evidencias científicas (creacionistas radicais).
Tamén atopamos aqueles que sosteñen que gobernos ou organizacións secretas controlan as nosas mentes mediante tecnoloxías ocultas, como o rociado químico desde avións para o control da poboación ou a indución de enfermidades; ademais, hai moitos conspiranoicos que cren que as vacunas son vehículos para inxectarnos microchips, ... .
Entón, que nos ofrecen as crenzas? por que e como se fixan?. É fundamental comprender que todas cumpren diversas funcións, tanto emocionais como cognitivas e sociais. Aínda que algunhas poidan parecer irracionais ou infundadas, a súa influencia no noso comportamento é innegable.
Actúan como disposicións que dirixen as nosas accións, ofrecendo explicacións simplificadas de eventos ou fenómenos complexos. Actúan tamén como filtros, determinando que información aceptamos e cal rexeitamos.
Algunhas destas crenzas, incluso, poden elevar a nosa autoestima, facéndonos sentir especiais ou superiores. O convencemento de posuír unha intelixencia máis elevada que a maioría, de pertencer a unha cultura ou grupo étnico superior, ou de ter o credo relixioso "único" e verdadeiro, pode facernos sentir parte dun grupo selecto de privilexiados.
Efectivamente, estas supostas certezas reforzan a nosa confianza, pero tamén é importante recoñecer que promoven un enfoque egocéntrico, limitando a nosa apertura mental e o respecto ás perspectivas dos demais.
Cando as nosas crenzas son cuestionadas, reaccionamos con rabia e molestia. Sen demora buscamos estratexias para minimizar ou ignorar a información que as cuestionan. Este prexuízo levanos a ler con máis frecuencia a prensa que respalda o noso credo e lembrar mellor ás informacións que as corroboran. Polo tanto, as evidencias contradictorias poden resultarnos ameazantes e a miúdo rexeitámolas de maneira irracional.
Desactivar estas crenzas é un proceso persoal moi desafiante, que nos obriga a recoñecelas, cuestionalas de maneira crítica e aprender a convivir coa incerteza. Tamén implica estar dispoñible para recoller opinións e puntos de vista diferentes. Aínda que leve tempo e necesite da paciencia, estes son os elementos esenciais do pensamento libre.
Non teñamos medo de desafiar as augas descoñecidas e enfrentarnos as tormentas da dúbida. Nas nosas mans está o timón para navegar cara ás profundidades do pensamento independente.
En última instancia, trátase de liberarnos das cadeas da certeza e abrazar a incertidumbre como un catalizador para alcanzar un coñecemento máis auténtico, ou parafraseando a Bertrand Russell "aprender a vivir sen certeza, e ao mesmo tempo non ser paralizado pola vacilación".