Sobre a necesidade, imperante, dunha plataforma de amigos da ópera en Pontevedra

10 de maio 2026
Actualizado: 20:02

Xerardo Torrado Agulla relata as molestias ocasionadas polos festivais de música con alto volume en Pontevedra e critica que a programación cultural da cidade esqueza a música clásica e a ópera

Venres 1 de maio de 2026. Estou no meu cuarto, son as 23 h, ía pórme a ler algo mentres escoitaba música, eran varias as opcións… Pero aprezo que de fondo había un gran estrondo. Que está a suceder aí fóra?, pregúntome. Xa dende o serán, cando estaba lendo a magnífica biografía de Alexandre Magno escrita por Robin Lane Fox, tras cumprir cos meus compromisos coa Universidade, escoitaba un molesto chunda-chunda, pensando nun inicial momento que era o típico patán coa "música" a todo volume dende o seu coche. Pero pasaba o tempo e o chunda-chunda insistía e pensei se sería algún evento deportivo na Alameda, xa que vivo preto dela. Pero ante a persistencia daquel ruído, xa preto das doce da madrugada, pregunto a unha intelixencia artificial se había algún evento naquel intre na cidade; amablemente, esta dime que na esquina contraria da cidade había un festival de reggaeton e electro latino chamado "Molan los 2000" e, aínda máis preto de min, o "Troneira Fest", de punk, hardcore e rock. Pregunto a que hora remata aquilo e a mesma intelixencia artificial dime que ás dúas e media da madrugada; pero, afortunadamente, bastante antes deixa de molestar aquel chunda-chunda. Pero o que si molestan son os veciños que teño, e eses non nun día de festival, senón todos os días do ano.

Día seguinte, sábado 2 de maio de 2026. Pola tarde, de novo escoito chunda-chunda; resulta que o "Troneira Fest" aínda continuaba. Está ben que a xente o pase ben, pero a programación da cidade debería ter un pouco de empatía polos que disfrutamos coa música clásica e coa ópera. Durante todo o ano, e durante as festas de verán, todos os gustos musicais son satisfeitos, agás o dos amantes da ópera; de feito, non se representa en Pontevedra unha ópera dende inicios do 2020, pouco antes de comezar o confinamento… lembro que fora La Bohème de Puccini. Este ano, incluso a vila de Noia tivo unha representación operística cunha Traviata de Verdi. Ademais, como teño dito máis dunha vez, os amantes da música clásica non molestamos a ninguén con estridencia algunha, os nosos concertos dan rematado a unha hora prudencial e retirámonos a casa ou a cear algo. Durante o concerto, ninguén sabe que nese intre hai un concerto de música clásica, salvo os que estamos dentro do teatro… non se enteran os doutra esquina da cidade como cos eventos de reggaeton.

Incluso hai grupos que veñen á cidade cada dous por tres —non vou dicir o nome, pero son dúas mozas que cada dous por tres están en Pontevedra—, recollo as datas: no 2023 tocaron varias veces en pequenas salas, no Pazo da Cultura e en eventos para a Deputación. No 2024 volveran a facer varios concertos estando no mes de xuño no "Surfing the Lérez" e no 17 de agosto nas Peregrinas. No 2025 están nos "Premios Martín Códax" no Pazo de Cultura. E, non podería ser doutro xeito, no 2026 están outra vez e, aínda que na prensa se diga que o fan "tras un ano de ausencia dos grandes escenarios", en realidade estiveron nese 2025 non en concertos de pago, pero si en eventos. Así, podemos ver na rúa que neste mes de maio volven a Pontevedra. Por que é satisfeita de xeito tan descarado a xente á que lle gusta a música deste par de mozas e os amantes da música clásica e da ópera somos tan desprezados? Pero se incluso cando toca a "Orquestra Sinfónica de Pontevedra" non pode tocar música clásica e lles obregan a tocar música galega! Que eu mesmo son gaiteiro, pero… isto non é pasarse? Acaso aos grupos que traen para o festival de jazz e blues lles obregan a tocar cunha gaita e música galega? Non. Entón? Dende a "Afundación" dinme que non fan óperas por "non compensar", algo falso, xa que cando había óperas estaba cheo. E, ademais, non teñen acaso unha "obra social" como para non pensar só no que "compensa"? Xa sei que en Pontevedra nunca verei a representación íntegra da tetraloxía Der Ring des Nibelungen de Wagner. Pero non podemos volver a ter unha ou dúas óperas ao ano como antes do 2020?

É hora de que os amantes da música clásica e da ópera en Pontevedra fagamos unha plataforma para que a ópera volva a Pontevedra, e con máis presenza que antes do 2020. Somos unha capital de provincia e precisamos dunha programación cultural de altura, e non os mesmos grupos de sempre repetindo unha e outra vez nos festivais e eventos en Pontevedra. É penoso ver como se asasina a Cultura con maiúsculas por parecer "carca", "pouco rentable" ou incluso "fascista". A programación das Peregrinas irá aparecendo a contagotas; non me sorprendería que este par de mozas volvan a tocar en Pontevedra. Non se pode ter unha programación cultural monocolor.