Non era a primeira vez que isto me sucedía, nin moito menos, pero a diferencia de moitas outras, nesta ocasión o motivo estaba perfectamente identificado, un motivo que me fai sentir, o mesmo que a todos e a todas aquelas que desexamos de verdade, de corazón, loitar contra a violencia de xénero, tristura, desesperanza, e o convencemento de que as mulleres estamos totalmente vendidas.
Trinta e dúas mulleres tiveron que ser asasinadas no que vai de ano, sen contar tres menores que estiveron a piques de correr a mesma sorte e os que quedaron orfos de nai para que, desde o Ministerio de Igualdade, se dignaran a convocar un comité de crise, o segundo do ano (dos resultados do primeiro mellor non falar, e tampouco é preciso, porque, por desgraza, á vista están), tras o cal escoitar, de boca da Delegada do Goberno de Violencia de xénero, Victoria Rosell, as conclusións ás que chegaron, é para dar auténticos arrepíos, ademais de facer que nos preguntemos se están a tomarnos o pelo; algo, por certo, que é obvio.
Básicamente, foron quese chame a policía ante un posible caso de violencia de xénero, que moitas das mulleres asasinadas non presentaran denuncia, e que toda a culpa deste aumento aterrador da violencia machista se debe ao discurso negacionista de certo partido.
Asunto zanxado.
E para chegar a estas "brillantes" conclusións, o Ministerio de Igualdade leva lapidado miles e miles de euros, entre outras cousas en campañas que, por si soas, de pouco ou nada serven, demostrando, una vez máis, a nula capacidade de autocrítica que o caracteriza e, por suposto, a quen o dirixe, sen admitir a súa nefasta xestión, o cal non soamente as honraría, se non que sería o primeiro e fundamental paso para tentar atopar solucións reais, e non botando balóns fóra, sen abordar, como sempre sucede, a auténtica raíz do problema, a inxustificable desprotección a que están expostas as vítimas e os seus fillos cando máis a precisan e demostrando que descoñecen a auténtica e aterradora realidade que viven estas mulleres, e, o que é peor, sen amosar nin o mais mínimo interese por facelo.
Di a Sra. Rosell que se chame a policía.
Si, moi ben, pero, a nosa pregunta é: Nalgún momento se tomaron ela, a Sra.Montero, ou calquera representante do seu Ministerio, a molestia de pescudar con cantos axentes se conta nas Ufam (Unidades de familia e axuda a muller) nos meses de verán, nos días festivos, nas pontes e no resto de períodos vacacionais para responder a esas chamadas?
Molestáronse, igualmente, en coñecer os perfís e os criterios que se están empregando para seleccionar aos axentes que forman parte destas unidades?
Acaso lles parece lóxico que sigan sendo os mesmos que hai décadas e máis décadas, que caracterizan, pese a quen pese, a unha institución que naceu e aínda conserva unha tintura claramente machista, que para nada evolucionou, como sería o pertinente, ao ritmo que require a grave problemática en canto a violencia de xénero que estamos a vivir e baseándose, única e exclusivamente, en méritos policiais, como se as condecoracións outorgaran, automaticamente, a humanidade, empatía e a sensibilidade mais elementais?
Porque, obviamente, non podemos meter a todos os membros das FCSE no mesmo saco, pero de nada serve que se vaian incorporando axentes que tal vez teñan un perfil diferente, se as directrices da Institución seguen a ser as mesmas de hai décadas e mais décadas, ou , case me atrevería a dicir, desde as sua orixe.
De novo a Sra.Rosell incidiu en que moitas das vítimas non denunciaran.
Por que non nos aclara que pasou con aquelas que si o fixeran, que mesmo tiñan unha orde de afastamento en vigor, malia o cal foron asasinadas por estar totalmente desprotexidas?
Por que non nos dí que pasou coas que estando incluídas elas e os seus agresores, no sistema de alerta VioGén, esta foi desactivada así, porque si, porque algunha mente "brillante" e tal vez con moitas condecoracións decidiu que a maldade ten data de caducidade, contribuíndo, así, a outorgar uma sensación de case total impunidade aos asasinos de mulleres?
Igual é porque nin o sabe, nin o quere saber, o mesmo que as súas colegas de Ministerio. Abondo teñen con preocuparse de conservar as súas cadeiras e os seus despachos, que se vive moi ben así.
En canto ao discurso negacionista do partido que todos coñecemos, é, evidentemente, ademais de noxento e inxustificable, un grave problema, pero ese discurso non é o único xeito de exercer ese negacionismo.
Pechar os ollos á realidade, ignorar sistematicamente a raíz do problema finxindo que non existe, sen abordalo, algo especialmente grave cando se ten, ademais, a obriga non soamente moral, se non que se está a cobrar, e moi substanciosamente ademais, por isto, é, ademais de algo totalmente impúdico e carente de escrúpulos, un xeito máis de exercer o negacionismo, un negacionismo tanto ou máis grave que o que verbalizan eses desprezables personaxes, porque contra o primeiro é posible debater e loitar, mentres que contra o que se exerce ao calado, disfrazado de implicación, pero que se leva a cabo día a día, e con máis efectividade se cabe que o primeiro, é imposible.
É un negacionismo letal, traizoeiro, pero certeiro, moi certeiro.
É o negacionismo de obra.
O verdadeiramente aterrador é o socialmente aceptados que están a ser os dous, e eu convidaría a Sra. Montero, a Sra. Rosell e ao Ministerio de Igualdade en xeral a que reflexionen sobre a responsabilidade que teñen nisto, e lles recordo, porque saber dou por sentado que o saben, malia que fagan ver o contrario, que, ás veces, unha retirada a tempo é a vitoria mais honrosa, sobre todo cando estamos a falar de salvar vidas.