O negacionismo da incompetencia

08 de outubro 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

Cincuenta mulleres asasinadas no que vai de ano, dez delas no mes de Setembrob>, e, por toda resposta, o Ministerio de Igualdade convoca un novo Comité de Crise, o quinto do ano, de cuxa eficacia non vou falar, porque creo que calquera comentario sobra

Cincuenta mulleres asasinadas no que vai de ano, dez delas no mes de Setembro, e, por toda resposta, o Ministerio de Igualdade convoca un novo Comité de Crise, o quinto do ano, de cuxa eficacia non vou falar, porque creo que calquera comentario sobra.

Esa "eficacia" está máis que demostrada, como demostradas están tamén a prepotencia e a soberbia das integrantes deste Ministerio, incapaces de recoñecer a súa pésima e letal xestión, que tantas vidas está axudando a cobrarse, e non tendo nin a máis mínima intención de renunciar a continuar coa súa letal farsa, que sería o máis digno que poderían facer, senón tampouco de rectificar e tentar comezar a facer as cousas mellor, ou, alomenos, tentalo.

 

A súa prioridade son os seus propios intereses.

 

É tal o seu afán de poder, de continuar nas súas cadeiras, nos seus despachos e enchendo os seus petos, que por máis feminicidios que continúen cometéndose, elas van ficar impasibles, ao seu.

 

Ante isto, e para continuar adiante coa sua farsa, non lles queda máis recurso que continuar buscando culpables, que as exima a elas, porque elas, xa se sabe, todo o están a facer impecablemente, e agora é a quenda do negacionismo, en clara alusión a dous partidos políticos, e que o groso da sociedade, xa comezou tamén a repetir coma un mantra, porque se hai algo que esta sociedade nosa faga impecablemente é crer ou facer que se cre todo aquilo que axude a eludir responsabilidades e facer un lavado de conciencia, ou, máis ben, un labor de maquillaxe dela.

 

Evidentemente, ese negacionismo existe, e vai deixando pouso, iso é innegable e todos o sabemos, pero hai outros factores, bastante máis importantes, na base da suposta loita contra a violencia de xénero, que, se fosen tomados en serio, e esas supostas concienciación e implicación da sociedade das que tanto se fala existiran realmente e non soamente de cara a galería, acabarían, sen dúbida, con el, pero os que o promoven coñecen perfectamente a existencia desa fenda colectiva e saben como utilizala no seu proveito.

 

Dous casos de violencia de xénero que aconteceron durante o pasado e sanguento mes de Setembro son un exemplo perfecto do que acabo de mencionar.

 

No máis recente, unha vítima de violencia machista, tras denunciar o seu agresor e que a este lle fora imposta unha orde de afastamento de 200 metros así como a prohibición de comunicarse con ela por calquera medio, acudiu ao que fora o seu domicilio a recoller os seus enseres e efectos persoais.

 

De todos os que traballamos con mulleres maltratadas é sabido, ou debera selo, que este momento é de especial risco para a vítima, polo que debe de contar con protección policial. É, de feito, crucial que así sexa.

Non foi así, non contou con protección ningunha, nin ninguén a acompañou, agás dous familiares, polo que o agresor aproveitou ese momento para pechalos dentro da vivenda, para, acto seguido, comezar a tirar os efectos da muller a un contedor.

Afortunadamente, un dos familiares da vítima logrou escapar por unha fiestra e dar a voz de alarma.

 

Como todo castigo ao seu delito, lle foron impostos 43 días de traballos para a comunidade, ademais de continuar en vigor a orde de afastamento.

 

Oxalá nos equivoquemos, pero, lamentablemente, é máis que improbable que isto fique aquí, xa que a pena é irrisoria, e a posibilidade de que chegue a suceder algo máis grave, elevada, pero si así é, non chegaremos a sabelo.

Por suposto, un tupido velo foi corrido coma sempre que sucede algo semellante, e morreu o conto, porque hai eidos que son intocables.

 

No segundo caso, foi a propia vítima a que conseguiu chamar a Policía Local para pedir axuda, que, a súa vez, ao chegar ao domicilio e comprobar o estado de muller, solicitou asistencia médica para ela.

 

Para a súa sorpresa, cando chegaron a asistila, a facultativa encargada de facelo, manifestou, e cito textualmente, "Por lo menos esta vez no tienes la cara destrozada", deixando ben claro que era perfectamente coñecedora da situación desta muller, e que, malia existir un protocolo que obriga os sanitarios a dar parte ante a existencia dun caso de violencia de xénero, ou ante a sospeita de que se estea a dar, este non foi activado porque ela nada fixo, ademais, por suposto, de incorrer nun delito de omisión de socorro.

Gravísimo.

Tampouco nada fixo a irmán da vítima, malia manifestar que falaba con ela todos os días e que coñecía perfectamente cal era a súa situación.

 

En ningún dos casos, que se saiba, se depuraron responsabilidades, e non houbo, que se saiba, consecuencia ningunha para os que incumpliron co seu deber, ou, mellor dito, delinquiron, como profesionais, ou como cidadáns.

Impunidade total, ademais, por suposto, de garantirlle a ambos agresores barra libre para seguir maltratando, algo que, sen dúbida, farán, agardemos que non con consecuencias irreparables e que ambos casos non rematen con cadanseus hipócritas minutos de silencio.

 

Isto sucede cada día, e non é, lamentablemente, nada novo, e a obriga deste Ministerio sería, entre outras, loitar para que non se repetira e, de suceder, se tomasen as medidas pertinentes, pero as súas integrantes están demasiado absortas, ademais de en seguir gastando miles e miles de euros en accións totalmente inútiles e ilóxicas, alomenos mentres non se acometa esta lacra desde a súa raíz e en apoiar casos mediáticos, o mesmo que o groso da sociedade, que ruxe embravecida por un bico, ou polo paripé da famosa do momento, pero que nin se inmuta ante un rosario continuo de asasinatos machistas.

 

O negacionismo da violencia de xénero que se dá no eido político está aí, iso é evidente, pero se calla é porque se lle permite que así sexa. É, en definitiva, unha desculpa de mal pagador, porque todos sabemos do que vai.

O verdadeiramente perigoso, o que mata sen deixar pegadas, é o negacionismo da incompetencia, dunha incompetencia que é obvia, pero que se finxe que non existe, e que, permite, ademais, que moitos petos se lucren abundantemente.

 

O que cada un de nós decida crer ou non, iso é fariña doutro costal, e calar a conciencia, se é que existe e negar o que é obvio, porque non facelo implicaría que un dos negocios máis lucrativos do noso país, a suposta loita contra a violencia de xénero, tal vez deixara de selo, opción de cada quen.

 

Asociación Si, hai saída