Onde dixen digo...

26 de agosto 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

Ao mesmo tempo que levantaba a camiseta, a tal Eva reivindicaba a berros o nome doutras famosas, igualmente "referentes feministas", parece ser, entre as que se contaba a tamén cantante Bebe, algo que me chamou poderosamente atención, porque é o exemplo patente do "sólidos" que son os argumentos destas "feministas"spandejavu>

Estou segura de que todos os que temos xa unha certa idade recordamos ese acontecemento que, puntualmente, sen faltar a súa cita nin un so ano, se daba cada verán.

 

Estou a falar da mítica "canción do verán", que nos acompañaba machaconamente durante os meses estivais, independentemente de que nos gustara ou non escoitala.

Non había xeito de fuxir dela, e as voces dos Fórmula V entonando aquel mítico

"Eva Mª se fue...", ou o cantante veraniego por definición, Georgie Dann, que nos cantaba as excelencias do seu chiringuito e da sua barbacoa, formaron parte da banda sonora da infancia e da adolescencia de case todos nos.

 

Na actualidade, e desde hai uns poucos anos, de novo asistimos ao mesmo fenómeno, pero nunha versión bastante menos amable, e moito máis perigosa, a que se deu en chamar "feminismo", que non é o mesmo que feminismo, o de verdade, imposto, como non!, polas autoproclamadas "autoridades feministas" de sempre, que non polas feministas, que cada verán deciden elevar a categoría de referente da súa doutrina a unha das súas elexidas, preferentemente famosa, a que temos que adorar e venerar si ou si, porque elas así o decidiron, que para eso se gaban de ser moi tolerantes e de exercer a sororidade... mentres lles digas si a todo e opines coma elas, xa que, do contrario, a que che cae enriba é para nota... Pura liberdade de expresión e toda un exemplo de feminismo, vaia!

 

Juana Rivas, Rocío Carrasco... son tan so algúns dos exemplos de ídolos aos que, desde os seus respectivos sofás, decidiron que tiñamos que facer a onda, independentemente de que elas, coma todos os demais, descoñeceran a verdade das súas historias, e non facelo xa todos sabemos o que implica: insultos, faltas de respecto e mesmo ameazas.

Reitero, "feminismo" do bo.

Iso si, a "gloria" a que as elevan e efímera, e vai durar, como moito, o verán e pouco mais, porque coa chegada de Setembro xa hai que ir desempoando as pancartas e as conciencias de cara a eses eventos "antisistema", pero que lles van permitir seguir cobrando do sistema, eso si, que o cortés non quita o valente, e non están os tempos para altruísmos gratuítos.

Con que aparenten selo, abonda.

 

Este verán non é a excepción, e está a ser a quenda de Eva, integrante do dúo Amaral, que nun concerto, no que, segundo ela e as "gurús feministas", foi un acto reivindicativo deste movemento, agasallou ao público cunha ampla visión dos seus pectorais... perdón, tetas, porque se digo pectorais é que me avergoño delas e son machista, asi que rectifico, TETAS, destacado e ben grande, que se vexa que, de vergoña, nada.

 

Non vou a entrar a valorar o seu acto, primeiro, porque cada quen é moi libre de amosar o que lle pete do seu corpo, ou de taparse ata as orellas se o considera oportuno, algo que eu, por certo, que podería ser a nai ou case a avoa dalgunha destas "feministas" que semellan crer que descubriron agora a pólvora, levei e sigo a levar á práctica na miña vida e sen tanto rebumbio, precisamente por iso, porque é algo natural, e do que tampouco saquei tallada, porque, loxicamente, a ninguén lle importou nunca.

Segundo, porque, por unha banda, diga o que diga, tanto se me pronuncio a favor ou en contra deste acto, xa sei o que vai pasar, e, por outra, francamente, teño que confesar que me trae absolutamente ao pairo o feito de que esta señora amose ou non as tetas, e terceiro, porque non é este o tema que me gustaría comentar, se non algo que dixo mentres nos daba unha lección de "feminismo", seica.

 

Ao mesmo tempo que levantaba a camiseta, a tal Eva reivindicaba a berros o nome doutras famosas, igualmente "referentes feministas", parece ser, entre as que se contaba a tamén cantante Bebe, algo que me chamou poderosamente atención, porque é o exemplo patente do "sólidos" que son os argumentos destas "feministas".

 

Efectivamente, durante algúns anos, Bebe foi elevada aos altares dese "feminismo" e as súa cancións, "Malo" e "Ella", coma himnos a loita contra a violencia de xénero, ao cal tamén axudaba, todo hai que dicilo, o seu look entre "grunge" e "destroyer", aparentemente descoidado e con piercings en abundancia.

 

Pero un bo día, as cousas mudaron.

Bebe comezou a amosar un look se non mais conservador, menos transgresor, unha maquillaxe máis coidada, e, para acabar de rematala, nun acto ao que foi convidada a participar con motivo do 8M, amosou abertamente o seu desacordo cos lemas promovidos por Irene Montero e as feministas que queren, dixo, volver a casa soas e borrachas e o odio aos homes que, segundo ela, infunden.

Asi mesmo, manifestou o seu rexeitamento a un sector do feminismo ao que cualificou de radical, que en vez de unir, enfronta.

En definitiva, tivo a ousadía de exercer o seu dereito a opinar... e a que lle caeu enriba foi para nota!

 

Estas foron tan so algunhas das mensaxes que lle dedicaron, e que reproduzo textualmente: "¡Qué decepción! Qué discurso tan feoy tan alejado del sentimiento y lucha del feminismo", "Que pensamiento tan precario y egoísta","Me duelen los ojos ", sin faltar, como non!, a "tolerante", "obxectiva" e "exemplar" postura da Ministra de Igualdade, Irene Montero, sempre presta a subirse ao carro mediático, e "imparcial" onde as haxa, que non dubidou en cualificar as palabras da cantante de "sinalamento" e "criminalización" do movemento feminista... Todo un exemplo a seguir, como política, máxime dirixindo o Ministerio que dirixe, e xa non digamos como muller.

 

Desde ese momento, Bebe pasou, en cuestión de horas, de ser unha icona feminista ao ostracismo máis absoluto, despois, de ser cualificada, faltaría máis! por aquelas que dician admirala e respectala, de facha, fascista, machista... Todo un exemplo de feminismo!

 

Pero agora chegou Amaral, e Eva, a súa metade, mentres loitaba por todas nós amosando as súas tetas, decidiu incluíla no seu berro de guerra, e xa hai por aí algúns ruxe ruxe que, procedentes daquelas que a chamaron de todo, agás guapa, non prometen nada, pero tal vez, soamente tal vez, teñan a ben perdoarlle a Bebe exercer o seu dereito a ter opinión propia e a manifestala e a volvan a aceptar nas súas selectas e tolerantes filas.

 

Ah!, por suposto, nesta ocasión tampouco faltou o recoñecemento da Ministra de Igualdade, que, cando se trata dun feminicidio, especialmente se a vítima tiña denunciado ou mesmo existía unha orde de afastamento, nin está, nin se lle agarda, e, como moito, limítase a publicar un chío "tipo", pero a que lle falta tempo para saltar á palestra cando hai famoseo por medio e o conseguinte rebumbio mediático.

 

Este é o "feminismo" que, desde algúns eidos, cada vez máis, nos queren impoñer, e que, por desgraza, semella, con demasiada frecuencia, ir ganándolle terreo ao de verdade.

 

Un "feminismo" excluínte, radical, e que non semella ser quen nin de ser coherente cos seus propios argumentos, que encumbra ou afunde segundo as súas particulares filias ou fobias, que practica, sen pudor algún o de "Onde dixen digo...", e no que aínda pretenden que creamos.

Sen comentarios

 

Asociación Si, hai saida