Pasou o día, pasou a romaría, mais nada cambiou

30 de novembro 2024
Actualizado: 12:15

"Pasou o día, pasou a romaría", di o sempre sabio refraneiro, e unha vez máis, con todo o fundamento do mundo.

Estou a referirme ao 25N, a data dedicada á eliminación da violencia de xénero, e na que, ademais, supostamente se potencia o feminismo, a sororidade e a unión entre a sociedade en xeral, pero especialmente entre as mulleres, para tentar rematar con esta letal lacra.

Non sei noutras cidades, porque non podo falar máis que polo que os medios de comunicación nos contan, pero si pola miña, na que practicamente todos e todas nos coñecemos, e podo afirmar con total rotundidade que esta data tivo máis de romaría que de auténtica reivindicación e concienciación, que se supón é o obxectivo perseguido, por moito abrigo negro e bufanda lila co que se tentara disfrazar.

Se hai algún escenario no que cobre sentido outro refrán, neste caso o de "O hábito non fai ao monxe", é, sen lugar a ningunha dúbida, este.

De todos é sabido que Si, hai saída non participamos neste tipo de actos, pero, por se aínda queda algunha dúbida, unha vez máis aclaramos que non temos nada en contra dos actos en si, faltaría máis, e de feito, si acudimos os primeiros anos. Pero precisamente por isto, despois de acudir uns cantos anos e de comprobar a falsidade, a hipocrisía e o negocio descarado no que se traducen e, por riba de todo, por auténtico respecto ás vítimas, porque sabemos o que senten, a dor que lles causa sentirse utilizadas dun xeito tan impúdico, deixamos de facelo.

E tamén por pura coherencia, porque hai comportamentos que non teñen xustificación, se mire por onde se mire.

Por poñer algún exemplo, como se pode asumir que saian á rúa contra os malos tratos, e nun lugar destacado, ademais, "feministas" (e non vou facer a aclaración de sempre, porque entendo que, a estas alturas, xa non será preciso) que non dubidan en maltratar verbalmente, ou danando polas costas, a canta muller non se somete ao seu xugo fanático ao que teñen a ousadía de denominar feminismo, e que se cren na posesión da verdade?

Peor aínda, ver os representantes de institucións ou de partidos políticos que, malia saber perfectamente o que hai de verdade, e así o admiten en "petite comité", non dubidan en engadirse ao seu engano, porque o caso é saír nas fotos, sen decatarse ou, peor aínda, sen querer facelo, do moito que os honraría admitir a verdade e dicilo, claro, e, en consecuencia, gañarían unha considerable credibilidade cara ás vítimas, ás que demostrarían respectar como se merecen, e á sociedade en xeral, que falta lles fai, francamente.

Como se pode tolerar que algún "personaxe" que todos sabemos de que pé coxea, apareza nas fotos, nos minutos de silencio, coa súa expresión máis solemne e o seu xesto estudadamente compunxido cando, posiblemente, tan só uns minutos ou unhas horas antes, deixou tras de si un rastro de medo e dor?

Son días nos que, sinceramente, eu procuro ver o menos posible os medios de comunicación, porque o paso francamente mal, pero é inevitable facelo de cando en vez, e hai unha imaxe que me quedou gravada na retina, que é a da todas as "señoras de ben", políticas, representantes de colectivos de "elite", etc., no transcurso da presentación dos actos que se ían celebrar nestes días en Madrid, feita polo presidente do goberno, ríndose e facéndose "selfies" coma se estiveran de festa, moi elegantes todas, iso si.

Absolutamente noxento.

E o peor de todo, de que serve todo o espectáculo montado arredor desta data? Realmente alguén cre que pode ser disuasorio para quen maltrata, para quen ten intención de matar?

A tráxica resposta tivémola apenas 48 horas despois da data D, cun novo caso de violencia vicaria do que foron vítima dous meniños xemelgos por parte da parella da súa nai, falecendo un deles e resultando o seu irmán malferido.

Unha vez máis había quen sabía, quen escoitaba, quen mesmo viu sinais de mordeduras e de golpes nos corpos dos nenos en máis dunha ocasión, pero ninguén fixo nada. Todo o mundo calou e mirou a outro lado.

Tamén se puxo en evidencia, por enésima vez, o funcionamento dese maldito sistema que, lonxe de protexer a quen o precisa, non soamente non o fai, senón que axuda a maltratar e mesmo a matar co seu desleixo, coa súa implícita e calada, pero rigorosamente cumprida, esa si, lei do mínimo esforzo e de pasarlle a pataca quente a quen sexa.

Beatriz, a nai dos nenos, estivera hai tempo incluída no sistema VioGén polos malos tratos dunha parella anterior.

Despois de iniciar a actual relación, novamente foi vítima de violencia machista, chegando a solicitar axuda no IAM (Instituto Andaluz da Muller), do cal foi usuaria durante un tempo, rexeitando posteriormente continuar e amosando, din, tan só interese por conseguir algún tipo de axuda económica, polo que, sen máis, a derivaron aos Servizos Sociais.

Polo visto, un persoal tan formado e, sobre todo, tan "sensible" como o que se supón é o que traballa nestes organismos, esqueceu ou non tivo en conta que a reacción de Beatriz é moi común entre mulleres que foron vítimas de violencia machista, polo que é crucial non perder o contacto con elas, pero non soamente non o fixeron, limitándose a pasarlles o "marrón" aos Servizos Sociais, e o que aínda é peor, sen dar parte, como é a súa obriga, á policía, incorrendo nun delito de omisión de socorro, algo cada vez máis común e que, moito nos tememos, unha vez máis quedará impune.

Coma sempre, farán recaer a responsabilidade en quen é vítima, a quen mataron en vida, acabando, ademais, coa dun meniño de tan só dous anos e case coa do seu irmán.

En resumo, pasou o día, pasou a romaría, mais nada cambiou, nin, moito nos tememos, cambiará.

Asociación Si, hai saída