Alguén cre que é xusto e lóxico condenar un delito que aínda non se sabe a ciencia certa se se cometeu, por mais que o corazón nolo pida?
Eu creo que todos, ou, alomenos, os que se dá por sentado que temos, ou deberíamos ter, un mínimo de sentido común, concordaremos en que a resposta é non.
Vou agora a explicar a razón pola cal a formulo.
Desde que, hai xa mais de 9 anos, comezamos o noso traballo no eido da violencia de xénero, enSi, hai saída levamos, malia que, loxicamente, non o contemos, escoitado e visto case de todo, e supoñemos que aínda nos quedará moito por diante.
Tamén fomos aprendendo, mesmo dos nosos erros, e estamos seguros de que o seguiremos a facer, e disipando moitas dúbidas que xa tiñamos e outras que nos foron xurdindo ao longo do camiño.
Pero hai algunhas para as que, por máis que preguntamos, non obtivemos resposta, e que, lonxe de minguar, van en aumento, estreitamente ligadas, ademais, a unha fonda e cremos que máis que xustificada preocupación.
E entre elas están as relacionadas coas agresións sexuais, especialmente as grupais.
Desde que no ano 2016 coñecemos a cometida pola Manada, e, un ano máis tarde, a protagonizada por algúns xogadores da Arandina, foi coma se se abrise a espita, acadando este tipo de agresións cotas realmente arrepiantes.
Rara é a semana na que non temos noticia dunha ou varias presuntas agresións destas características, e destaco o de presuntas porque, nos guste ou non, a presunción de inocencia tamén rexe para este tipo de delito, no que, ademais, o máis habitual é que soamente se conte coa testemuña da tamén presunta vítima, xa que, como todo o relacionado coa violencia sobre a muller, é cometido as agochadas, sen máis testemuñas, como xa dixemos, que as da presunta vítima e a dos tamén presuntos autores.
Quere isto dicir que é imposible saber o que realmente sucede cando se supón que esa agresión é cometida, pese a quen pese, e, porén, quen minte ou di a verdade e que pretender o contrario é, ademais dunha auténtica ousadía, ser totalmente subxectivo, e que será a xustiza a que terá a última palabra.
Pero, ignorando todo isto, de xeito case inmediato, e desoíndo toda prudencia e mesmo, nalgún caso, prexudicando o traballo daqueles que están a realizar as pescudas pertinentes, son convocadas concentracións e actos de repulsa que, exercendo unha perigosa anticipación, dan por sentado o que é imposible saber, e queremos que quede moi claro que isto non vai de culpar nin exculpar a ninguén, nin ás presuntas vítimas, nin aos presuntos autores, nin estamos a referirnos a ningún caso en particular de tantos dos que se teñen noticia, pero o que non é de recibo é saír a rúa a condenar un delito sen saber se este realmente existiu.
Como tampouco o é, así mesmo, esixirlle á xustiza que actúe, e, por outra banda, tentar exercer o seu papel, levando a cabo xuízos paralelos e asumindo un papel e unhas atribucións que, claramente, non nos corresponden, por saír na foto e ter o momento de gloria.
Mais grave aínda é que representantes de Institucións e de partidos políticos, se engadan a algo tan irregular e dunha ética algo máis que dubidosa cando precisamente eles deberían ser exemplo de obxectividade e de imparcialidade, pero, unha vez máis, se impoñen os intereses, en detrimento da ética máis elemental.
Non sabemos se este tipo de actos, nos que claramente se está sinalando e xulgando a aqueles que aínda non foron condenados pola lei, independentemente de que cheguen ou non a estalo no futuro, serán susceptibles de ser penalizados a nivel legal, pero, desde logo, moralmente, son algo máis que condenables.
Por outra banda, existe outra dúbida á que tampouco ninguén nos dá resposta.
Por que nunca, cando, presuntamente, se produce unha agresión sexual, agás cando se trata de casos con tanta sona mediática como os mencionados anteriormente, da Manada ou a Arandina, chegamos a saber como se resolven?
O proceso é sempre o mesmo: Presunto delito, concentracións, manifestación de repulsa, foto... e fin.
Practicamente nunca chegamos a saber a resolución dos mesmos, o cal tampouco é, cremos, beneficioso para ninguén, se o que queremos é loitar eficazmente contra este tipo de delitos.
Porque, imos ver, se os presuntos autores resultan ser culpables, e, porén, condenados, a ninguén se nos escapa o positivo que sería que a sociedade en xeral, e, especialmente, os potenciais delincuentes, saiban que delinquir ten consecuencias, e que, de facelo, terán que pagar por isto.
Se hai algo que contribúa á comisión dun delito, é a sensación de impunidade, e se algo colabora a dita sensación, é ese silencio, esa cortina de fume que se corre diante desas presuntas agresións.
Se, pola contra, resultan ser inocentes, igualmente é conveniente lanzar a mensaxe de que as cousas non sempre son o que semellan ser, que non se pode ir pola vida de "pseudoxuíces" e que condenar sen saber é, ademais de unha enorme arrogancia por parte de quen o fai sen corresponderlle, un serio perigo que fai moito dano, porque deixa pouso, e non positivo precisamente.
As conclusións son claras.
Non todo vale para acadar os votos, as subvencións, e demais prebendas, ou non debería, e Vds. señores e señoras políticas, representantes das Institucións, deberían ter en conta xustamente iso, o que representan, e utilizar algo tan serio como a violencia sobre a muller para acadar os seus fins, permítannos que lles digamos que é o máis noxento que existe.
Que lles importe ou non, esa xa é outra cuestión, como así mesmo, a conciencia se ten ou non.
Non é, desde logo, algo que, coma case todo na vida, se poida mercar.
Asociación Si, hai saída