Prioridades

15 de xullo 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

O asunto tan transcendental polo que, evidentemente, non toda España, pero, sen dúbida, si unha gran parte dela, está a conter o alento, ten como protagonista ao prototipo, o exemplo máis evidente de "machirulo", porque mesmo chamarlle machista, así, a secas, se lle queda curto, con aires de "señorito andaluz" dos de antesspandejavu>strongdejavu>spandejavu>

Cando se produce unha vaga de asasinatos machistas coma este verán, como cada verán, e non se pode practicamente culpar a propia vítima coa consabida frase de "Non existían denuncias previas por violencia de xénero", porque si había denuncia, e mesmo nalgún caso, medidas como ordes de afastamento sen que se fixera ningún tipo de seguimento a vítima, nin moito menos ao agresor, tendo isto como consecuencia que a muller o pague coa súa vida, o motivo que case sempre, por non dicir sempre, alegan, desde as FCSE, é a falta de efectivos, malia o cal cada ano se repite a mesma historia, e os axentes collen as vacacións case todos ao mesmo tempo, non vaia ser que organizar as datas doutro xeito máis coherente sexa unha traxedia e, de substituir aos ausentes, nin falamos, que non está o goberno para gastos superfluos, e e se isto lle custa a vida algunha muller, ou mesmo a algún neno ou nena, pois mala sorte!

 

A solución xa sabemos todos cal é. Foto, minuto de silencio, e esquecemento. Punto, non hai máis.

 

Pero cando interesa, por moito que sexa verán, non se sabe como, nin como non, eses efectivos que tanto escasean, aparecen, e rápidamente, ademais, como aconteceu hoxe no Sur, alá por terras de Andalucía, concretamente en Sevilla,nunha finca na que se requiriu a presencia da Policía Nacional.

 

Inicialmente, cando escoitei a noticia, eu non sabía de que estaban a falar. Tan so escoitei que se trataba dun tema ante o que practicamente toda España estaba expectante, e, cando prestei atención para tentar informarme do que se trataba, imaxinándome que sería algo grave, case me dá algo.

 

O asunto tan transcendental polo que, evidentemente, non toda España, pero, sen dúbida, si unha gran parte dela, está a conter o alento, ten como protagonista ao prototipo, o exemplo máis evidente de "machirulo", porque mesmo chamarlle machista, así, a secas, se lle queda curto, con aires de "señorito andaluz" dos de antes, e que me desculpen os andaluces, contra os que, evidentemente, non teño nada, nin nada teñen que ver, afortunadamente, a inmensa maioría, con este elemento ao que me vou a referir, rancio onde os haxa, e con ínfulas de conquistador, o cantante, ou o que sexa, Bertín Osborne.

 

Polo que se ve, o Sr. Osborne ven de ter unha relación, "affaire", rollo, ou o que sexa, cunha moza, que di ser a súa nova parella, e que, sexan o que sexan, tivo, coma resultado, un embarazo dela, ante o cal, o galán de pacotilla decidiu dicir que a el non lle compliquen a vida, que el pasaba por alí, mentres que ela, polo que se ve, se montou unha historia na que xa se vía pousando para as fotos do Nadal nunha entrañable imaxe de familia, na que todos agardarían, ilusionados, ao novo membro, mentres papá Bertín, o patriarca do clan, lle acariciaría agarimoso a barriga.

 

Isto, alomenos, é o que crin entender, mentres que outros aseguran que ela non é tan inocente como pretende parecer, e que, na realidade, si están xuntos e tentando ambos preservar unha exclusiva para unha revista que lles proporcionará uns cantos miles de euros.

 

Non o sei, e, francamente, iso é algo que a min, persoalmente, me trae absolutamente sen coidado.

 

O caso é que, por este motivo, numerosos medios de comunicación se atopan facendo garda nas portas da finca do Casanova de pouca monta, que esa é outra, porque xa me dirán onde está o interese tan desmesurado que suscita tal noticia, agardando a ver quen entra, quen sae, ou se o propio galán sae a facer unhas declaracións, pero "macho man", lonxe disto, está, polo visto, que trina, e non dubidou en chamar a policía para que lles dera pasaporte aos xornalistas alí congregados.

 

Non se fixeron agardar, e nada máis nin nada menos que dúas patrullas da Policía Nacional se presentaron rapidamente nas inmediacións da finca, para instar os xornalistas a abandonar o lugar.

 

Ante isto, eu pregunto, se realmente os efectivos son tan escasos nestas datas, e, por desgraza, sabemos que así é, hai dereito a que se destinen nada menos que dúas patrullas para que non se lle malogre o choio ao Sr. Osborne?

 

Para iso están as FCSE, para seguirlles o xogo aos frikis do famoseo, mentres tantas mulleres, tantas nenas e nenos, están a correr un gravísimo risco cos seus maltratadores movéndose libremente, sen ningún tipo de o control?

 

Que ten a Sra. Ministra de Igualdade que dicir a isto? E o Ministro do Interior, que opina?

Obviamente, son preguntas retóricas, principalmente no caso da primeira, porque, a estas alturas, xa temos todos máis que claro que ela mesma devece por todo e todos os relacionados co papel "couché".

 

Se o Sr. Osborne quere ter vixilancia, que a pague do seu peto, que seguro que se pode permitir o luxo, pero que non teña a desvergoña de aproveitarse de recursos públicos que lle pagamos entre todos, e que pode implicar, ademais, que, quen precisa realmente protección, como é o caso de moitas vítimas de violencia de xénero, se vexan privadas dela, cos fatais resultados que, como xa se comprobou en demasiadas ocasións, isto pode chegar a ter.

 

Como tamén é absolutamente lamentable ver a tantos medios de comunicación congregados... por un foguete que botou o Sr. Osborne, e perdoádeme a expresión, pero non é máais que a verdade, cando apenas lles dedicaron uns poucos minutos ás mulleres que foron asasinadas nas pasadas semanas, aos nenos que estiveron a piques de correr a mesma sorte, e aos que quedaron orfos de nai.

 

E o máis triste de todo, que na nosa sociedade, isto xa é algo que está absolutamente normalizado, e causan máis preocupación os líos de cama dos famosos ou famosas do momento que o feito de que a nós, as mulleres, nos estean matando e que a nosa desprotección sexa cada día maior.

 

Unha triste, lamentable e vergoñenta cuestión de prioridades.

 

Asociación Si, hai saída