Onte recibín unha grande ledicia, tras recoller o meu pase de tempada para a "Sociedad Filarmónica" de Pontevedra na sede da mesma, e botar unha ollada á programación da tempada 2025-2026. Vin que hai unha gran preponderancia do repertorio do meu amigo Beethoven, o meu mentor espiritual e intelectual desde o máis alá. O 2027 será "ano Beethoven", xa que o xenio de Bonn morreu no ano 1827. Supoño que irán "quentando motores" para tal evento que seguro que noutras instancias pasará desapercibido, máis atentos a quen gaña a liga de fútbol e outras sandeces dese tipo que amosan ás claras a decadencia dunha civilización. Pero non no sentido de Oswald Spengler, senón "decadencia decadencia", sen remisión nin recuperación.
Pero coa vista daquel programa da tempada, tamén se me saltaron as bágoas, xa que a algúns deses concertos, como aquel onde van interpretar o 3º concerto para piano e a 5ª sinfonía do meu amigo e mentor, seguramente tería gustado de acompañarme a miña nai. Pero a miña nai morreu o pasado 24 de marzo do presente ano. A razón foi unha neglixencia médica de manual: acudiu a Urxencias de Montecelo cunha forte dor de ventre e dunha perna. Un individuo que había alí (sei o seu nome e apelidos) negouse a facer algunha proba máis alá de palpala, como se fose Galeno no século II (grandes avances médicos!!!) e das consabidas analíticas de catro patacos. Ese incompetente díxolle á miña nai que eran "gases" e mandouna para casa.
Cando volveu coas dores intensificadas á semana seguinte, xa me dixeron que a miña nai podería morrer en horas. Aguantou aínda así a pobre catro meses. Non eran gases, era un trombo na vea porta do fígado. Se lle fixeran unha ecografía, a miña naiciña estaría viva, xa que lle farían un correcto diagnóstico e lle terían disolto o trombo antes de que o trombo lle desfixese o fígado. Un trombo nesa vea porta doe no ventre e irradia a dor pola perna. Iso sábeo un alumno de primeiro de carreira. Que profesionais temos en Montecelo? Están contratando a extracomunitarios aos cales se lles están convalidando un cursiño dun par de meses pola carreira de medicina para cubrir as prazas vacantes. Isto é un segredo a voces, e iso está provocando mortes.
Hai uns meses, un deses extracomunitarios, no quirófano de Montecelo, derrubouse e confesou todo: non tiña formación e negouse a operar. Que pasaría se tirase para adiante e botase man do bisturí?
Agora son eu o que ten problemas do fígado. Sabía que o tiña graxo, como a miña nai, pero tras unhas analíticas apareceron chamativos indicios de problemas graves no fígado e con carácter urxente remíteseme a unha ecografía. No paso polos despachos de chupatintas, ese carácter urxente convértese en "ordinario" e danme cita para o 25 de maio do 2026. Se é algo grave, como todo indica, ese 25 de maio do 2026 estarei morto. Non contentos con cometer un homicidio coa miña nai polos seus protocolos de austeridade (para despois gastarse os cartos en "performances" absurdas como o que vimos a semana pasada no Pazo Provincial), agora queren cometer un homicidio comigo.
Eu reclamei, por suposto, deixando claro que había un erro, que era urxente e que tiña que realizarse, como moi tarde, a finais de outubro do presente ano. Pero eles negáronse a adiantar un só día. A miña única ocupación remunerada é tocar a gaita na rúa. Terei que gastarme uns 70-80 euros en facerme unha ecografía nun centro privado. Non teño máis recursos que esas moedas que me botades no cazo cando me vedes tocando.
Fun expulsado da administración pública tras superar un concurso público en dúas ocasións, e debido a que non teño padriño... non teño traballo. Desde servizos sociais do Concello néganse incluso a darme un documento para que desde o banco me concedan unha conta bancaria libre de comisións. Así que estou tocando na rúa para pagarlle ao señor Juan Carlos Escotet. Fun tres veces, non teño dereito a nada, segundo eles, xa que o meu pai é de "renda alta". Agora resulta que o meu pai é o señor Juan Carlos Escotet! Eu explícollles algo tan lóxico como que eu e o meu pai somos persoas distintas, pero dinme que como vivo baixo o mesmo teito que el, comparto a súa "renda alta". Así está a cousa: tocando a gaita na rúa para pagarlle ao banco as súas abusivas comisións e para pagarme uns servizos que en teoría terían que estar garantidos pola vía pública.
Tanto na miña absoluta desatención médica como na da miña defunta nai hai un factor común: eu, con anos de bolseiro, non cotizara, e a miña nai desde hai décadas que non cotizaba como ama de casa. Hai un protocolo segredo de non atención aos "non cotizantes"? Se vos fixades, nos vosos partes médicos, na cabeceira consta esa información: se cotizamos ou non. Un facultativo non tiña que saber iso, é unha información irrelevante para unha valoración médica. A presenza dese dato no historial médico é sospeitosa, non credes? De ser isto certo, estaríamos ante un escándalo manifesto, un auténtico holocausto do pobo galego ante o cal habería que tomar medidas xudiciais contra os cargos sanitarios que promoven eses protocolos e os facultativos que os implementan. Non vale o de "eu cumprín ordes", como non lles valeu aos inculpados en Nürnberg, con penas de cárcere e inhabilitacións vitalicias, ademais de deixalos en gallumbos e arrastralos en harapos a unha mazmorra pestilente.
Pero seica as cousas non funcionan así, seica o inimigo é Putin. Putin non matou a miña nai, como non matou a toda esa xente que morre día a día por neglixencias médicas, protocolos austericidas e listas de espera eternas. Estamos nunha situación onde o peor inimigo do cidadán son unhas institucións e uns servizos públicos que máis que o servizo do cidadán buscan o lucro deles e o dos seus amigotes. Eses son os inimigos do pobo.