Non son quen de comprender, nin menos aínda de asumir e compartir o nivel de deshumanización ao que estamos a chegar.
Miro ao meu arredor, escoito, observo, e non entendo nada.
Onde están os sentimentos, a mínima empatía que deberíamos sentir uns para os outros como seres humanos que se supón que somos?
Ambición desmedida, egolatría ata límites outrora insospeitados, e un afán de poder que normalizou xa hai tempo que todo vale para acadalo son os motores que moven as nosas vidas, que rexen a nosa sociedade, e quen non os acata, que son cada vez menos, é automaticamente expulsado, empurrado a cuneta, porque estorba.
Esta semana foi un exemplo perfecto do que estou a dicir, no que o lixo, a miseria moral que move o noso país, quedou totalmente en evidencia.
A violencia machista de novo se levou por diante a vida de dúas mulleres en pouco mais de 24 horas.
Ambas foron salvaxemente acoiteladas polas súas ex parellas.
Unha delas presentara ata 4 denuncias... Ninguén a protexeu, ninguén fixo seguimento ningún do seu "presunto" asasino.
Enseguida se deixou ben claro, iso si, que ela rexeitara ter protección policial.
Posiblemente, coma moitas das mulleres vítimas de violencia machista, non era consciente do risco real que corría, algo que, malia esa esmerada formación que nos venden que teñen os membros das FCSE encargados de asistir e protexer a estas mulleres, semellaron, unha vez máis, esquecer, pero que foi a escusa perfecta para dar media volta e deixala totalmente desprotexida, malia ser coñecedores do seu elevado nivel de risco, e que están a utilizar como o argumento perfecto e miserento para sacudirse de enriba toda responsabilidade e facela recaer nela, na propia vítima.
Se a matou, a culpa foi dela, non si?
Todo isto nun verán que non fixo mais que comezar e no que as vítimas de violencia de xénero quedarán, un ano mais, sen practicamente ningunha protección, e no que, tamén un ano máis, non se está a implementar ningunha medida de prevención, malia que de todos é sabido, ou debería selo, a repunta desta lacra que sempre se produce nas datas vacacionais.
O verán dun ano que arroxa xa un tráxico saldo de 24 mulleres asasinadas.
O verán dun ano no que nin sequera unhas eleccións xa a porta conseguen maquillar a cada vez maior indiferenza pola violencia machista, agás para sacarlle rendemento.
Estes asasinatos machistas non ocuparon máis que uns poucos minutos, os xustiños, nos informativos e nos programas de actualidade das diferentes canles de televisión e uns pequenos espazos nos xornais.
España estaba a outras cousas máis importantes, e, ao fin e a ao cabo, os asasinatos destas mulleres non deixan de ser máis do mesmo. Nada novo.
Con mencionalos o imprescindible, e, iso si, deixar constancia dos minutos de silencio e das caras de dor dos políticos e representantes das institucións, mesmo das que as desprotexeron, abonda.
Ese mesmo día faleceu Carmen Sevilla.
Vaia por diante que non teño nada en contra dela, todo o contrario.
Sempre, ademais do seu mérito como artista, me pareceu unha muller moi simpática, entrañable, e que nada tiña que ver con eses "frikis" con ínfulas de famosos que saen agora ata de debaixo das pedras.
É lóxico que a súa morte, malia levar moitos anos retirada, tivera repercusión, xa que, sen dúbida, marcou unha época, pero morreu como consecuencia dunha grave enfermidade, e da súa avanzada idade.
En definitiva, porque lle chegou a súa hora.
O que xa non me parece tan normal é que, durante días e máis días, horas e máis horas de programación, en todos os programas, fora na canle que fora, se dedicaran, case en exclusiva, a debater sobre a decisión da familia de despedila na máis estrita intimidade, seguindo a pauta dos últimos anos, nos que foi vítima dunha longa enfermidade.
E con este tema si se produciron reaccións.
Foi moita a xente que se indignou, opinou, cuestionou e criticou esta decisión coma se tivesen algún dereito, coma se a familia tivese a obriga de darlles unha explicación.
E que dicir dos medios de comunicación?
Gardas nas portas do hospital primeiro e do tanatorio despois, malia que a familia expresou claramente o seu desexo de que isto non se fixese, vixilancias dos coches que chegaban na procura de declaracións... Nin a emisión dun comunicado por parte da familia dando as grazas polo que se supoñía eran mostras de agarimo, pero pregando respecto pola súa decisión de non converter o falecemento de Carmen Sevilla e a dor dos seus nun circo, conseguiron frear tanto rebumbio, porque, porque por algo Carmen fora, dicían, "a noiva de España", o que a convertía, polo que se ve, nunha propiedade de todos.
Por outra banda, este xeito de actuar desconsiderado, totalmente irrespectuoso cos desexos da familia, ególatra, dunha sociedade que se cre con dereito a todo, deixa claro o que é de verdade: A sociedade do postureo, na que o importante e deixarse ver, facerse notar, pero cada vez máis baleira de valores, algo que se fai extensivo, por suposto, á violencia machista, a esa suposta loita contra ela, e que só importa cando pode implicar locemento mediático, ou calquera outro rédito, político, social... pero que, por se mesma, importa pouco ou nada.
Vivimos nunha sociedade enferma, cada vez máis manchada de sangue de mulleres, de nenos e nenas, pero a que cada vez lle importa menos, se é que algunha vez lle importou algo.
Desexaría, con toda a miña alma, crer que, nalgún momento, isto vai mudar, pero, desgrazadamente, canto cambio hai, é a peor.
Triste, moi triste.