Revitimización. Soamente é tal se é gratis

07 de xaneiro 2024
Actualizado: 18 de xuño

Moito se fala, cando unha muller vítima de violencia de xénero se decide a dar o tremendamente difícil e duro paso de tentar saír da súa situación, da revitimización b>que se ve obrigada a sufrir ao ter, por mor do propio proceso, que revivir unha e outra vez o seu calvario

 

Moito se fala, cando unha muller vítima de violencia de xénero se decide a dar o tremendamente difícil e duro paso de tentar saír da súa situación, da revitimización que se ve obrigada a sufrir ao ter, por mor do propio proceso, que revivir unha e outra vez o seu calvario.

Totalmente certo.

 

Comezando polo momento da denuncia, o relato posterior ao seu avogado, ao xuíz... etc, etc, poñen a proba a fortaleza emocional de calquera, e máis aínda, obviamente, a destas mulleres que xa se atopan nunha situación de extrema vulnerabilidade emocional e mesmo física.

 

Desgraciadamente, a lo menos polo momento, non se albisca outro xeito de levar dito procedemento adiante, e evitarlles este sufrimento é imposible, non sendo, porén, nada estraño, que, cando rematan, ou superan, cando menos, os chanzos mais duros, a súa prioridade sexa tentar pasar páxina e moitas delas non desexen mais que esquecer todo aquelo e a aqueles que, dun ou doutro xeito, estiveron implicados nel, malia que fora para axudalas.

Non se trata de desagradecemento, como moitos lles reprochan.

Sinxelamente, precisan tentar esquecer, malia que conseguilo por completo é, xa non moi difícil, se non imposible, para que nos imos enganar.

 

Este mal trago, a revitimización, é reiteradamente utilizado por... a ver como o digo o mais eufemísticamente posible, esas "autoridade feministas", non polas auténticas, que tamén o teñen en conta, por suposto, pero con fundamento, como ten que ser, e polos "expertos e expertas" aos que os medios de comunicación dan pulo, xa que implican "share" e caixa, malia que non ocasionan máis que dano, e moi grave.

 

Agora ben, a cousa cambia cando se trata de falar dos presuntos malos tratos ou abusos sufridos polas "famosas" do momento, sexan ou non verdade, e os "sólidos" argumentos de tantos "expertos" e "expertas" pasan a ser xustamente os contrarios, malia que non o verbalicen, dado o suculento e rendible negocio que todos eles fan a costa da violencia de xénero.

 

E o mellor exemplo o temos aínda ben fresco, de feito, aínda nas nosas retinas, o desexemos ou non, porque leva semanas e máis semanas omnipresente nos medios de comunicación.

 

Estou a falar do bico máis comentado da historia, polo menos da do noso país, o que Rubiales lle deu a Jennifer Hermoso.

 

Non vou volver a opinar sobre isto. Xa dixen canto consideraba que debĺa dicir.

Tan so vou facer unha pregunta moi sinxela.

 

Se seguir o procedemento normal é, reitero, un verdadeiro calvario para calquera vítima, alguén se imaxina o que lle suporía ver o suposto abuso que sufriu reproducido unha e outra vez, visto por todo o mundo, o desexemos ou non e comentado ata a saciedade?

 

 

Alguén escoitou a Srta. Hermoso lamentarse de que este vídeo estea a ser reproducido unha a outra vez ou a algún e sobre todo a algunha das súas mais ferventes defensoras?. Ou esixir que deixe de ser emitido, malia contar con recursos para facelo?

Acaso a ela non se lle está a revitimizar?

 

Pero a diferencia está clara.

O suposto abuso sufrido pola Srta. Hermoso é rendible, moi rendible, comezando para ela mesma, que atopou o choio da súa vida, arroupada por todos aqueles e aquelas que ven o que sucedeu e mesmo o que non, convertendo algo tan duro como os abusos sexuais nun negocio do máis lucrativo.

 

Pode a Srta. Hermoso e cantos a defenden imaxinarse por un só segundo o que sentimos calquera muller que fomos vítimas de violencia de xénero e, porén, de abusos sexuais vendo unha e outra vez, como xa sucedeu con casos precedentes, o show no que se está a converter algo tan serio e que tantas vidas marca para sempre?

 

Pero o peor de todo xa non é isto, que é malo abondo.

 

O peor é como se está a normalizar cada vez mais, facer da dor da violencia machista, negocio, e situacións e personaxes como os que acabo de describir, non fan se non fomentar tal normalización con tal de sacarlle partido, de facer caixa.

 

Pero como podemos reprocharlles a sociedade, aos políticos, aos "pseudoexpertos" do momento, que fagan negocio de tanta dor se as propias presuntas vítimas non dubidan en facelo?

Dependendo, eso si, de quen se trate, por suposto, porque todos lembraremos como se lle recriminou duramente a vítima da Manada cando, tentando normalizar a súa vida do mellor xeito posible, marchou de vacacións coas súas amigas.

Restáballe, dicían, credibilidade, dicían, pero claro, cando se trata dunha "celebrity", a cousa cambia.

 

Eu teño o exemplo ben preto, en min mesma.

Aínda hoxe se me critica por ter feita pública a miña condición de vítima, ou, mellor dito, de supervivente, da violencia machista, pero claro, eu, nin son famosa, nin cobro.

 

E outro tanto pasa cando se trata de traballar coas vítimas, de tentar axudalas.

Facelo sen lucrarse, é un sinónimo de ser estigmatizado, rexeitado, e a garantía de que van tentar botarte a cuneta desde o primeiro momento.

 

Hai uns días chamou poderosamente a miña atención este parágrafo dun libro que estou a ler, "A inmoral doutora Cons" (Roberto Fernández Alvárez), que resume perfectamente o que acabo de dicir:

 

 

- "Díxenlle que nunca aceptaría agasallos nin prebendas de ninguén".

 

- "Pero, dispensando, eso non é boa cousa. Se Vd. non acepta, pensarán que o seu traballo nada vale".

 

- "Quen quere ser libre non admite donativos".

 

En definitiva, nin a dor nin o traballo son recoñecidos como tales se non son rendibles e non implican recibir prebendas, sexan do tipo que sexan.

 

Dito doutro modo, hai loitas que xa están perdidas de antemán, e, ante este escenario, a que uns cantos tentamos librar contra a violencia de xénero, é o exemplo mais representativo.

 

Asociación Si, hai saída