En plena era virtual, na que as redes sociais xa lles falta pouco para substituír case por completo o contacto humano, ou, a lo menos, unha gran parte da vida social, coñécense un home e unha muller, ou, mellor dito, contactan un home e unha muller, porque o que é coñecerse de verdade, normalmente, non chega a suceder.
Adoita ser el o que dá o primeiro paso, abordandoa a ela, presentándose coma un home exitoso, cunha profesión "glamourosa", como piloto, médico de éxito, home de negocios dos que practicamente viven nun avión que mesmo pode ser privado, e cuxa vida transcorre de viaxe en viaxe, sempre a destinos moi afastados e, por suposto, atractivo, moi atractivo.
Comezan a falar, como xa dixen, por unha rede social, e, pouco a pouco, van, aparentemente por ambas partes, intimando cada vez mais, ata namorarse... ou, no caso deles, iso din.
Cunha verborrea "pastelosa", sen escatimar piropos, vai envolvendo a muller, da que di estar cada día mais namorado, cun discurso digno de novela daquelas de Corín Tellado de alá polos anos 60, que a vai envolvendo pouco a pouco, repetíndolle unha e outra vez canto a quere, o fermosa que é, o baleira que estaba a súa vida ata que a coñeceu, totalmente entregado a súa carreira, ata que ela cae rendida ao seus pés, malia que sexa virtualmente.
Naturalmente, ao cabo dun tempo deste "cortexo virtual", vai nacendo, aparentemente por ambas partes, a necesidade de coñecerse mellor e verse en persoa, e ela xa se imaxina paseando fachendosa do brazo dese Adonis que mesmo lle recita poemas.
Pero cando o encontro semella estar a piques de producirse, el adoita sufrir algún contratempo, sexa da índole que sexa, que non soamente lle impide acudir á cita, se non que, estando nun país estranxeiro como di estar, provoca que as súas contas bancarias sexan bloqueadas, así como as súas tarxetas, e, sendo como é, un home distinguido, culto, exitoso... digno de ser o protagonista de calquera desas películas de serie B dos Sábados pola tarde, nunca viaxa con efectivo nos seus petos, nin dispón del ata non poder solucionar diferentes trámites, polo que lle solicita axuda a súa namorada que, non vendo a hora de caer rendida nos seus brazos, non dubida en facerlle chegar a cantidade de cartos, case sempre elevada, moi elevada, que el , desexoso tamén de vela, di precisar.
Todo semella estar ben encamiñado, mais, de novo, cando, por fin! a tan ansiada cita se vai producir, un novo contratempo aparece, ben de tipo burocrático, económico, por causas semellantes a ocasión anterior, ou mesmo a enfermidade grave e irreversible dalgún familiar, ao que desexa ver e abrazar por derradeira vez, pero, non tendo aínda arranxado o contratempo anterior, ou porque calquera outro lle apareceu, segue sen poder facer uso das súas tarxetas e de acceder, porén aos seus cartos, polo que, de novo a súa particular Julieta, á que lle segue dicindo o fermosa que é, canto a quere, que, de non ser por ela, non podería superar uns momentos tan duros, acode ao seu rescate, proporcionándolle, novamente, unha xenerosa cantidade de cartos.
E así unha e outra vez, ata que a fonte financeira se seca, chegando, algunhas delas, que, ata ese momento, gozaban dunha máis que folgada solvencia económica, non soamente a ter as súas contas en números vermellos, se non que, ante esa circunstancia, non dubidan en embarcarse en préstamos co fin de seguir subministrándolle fondos ao seu namorado, que, de súpeto, un bo día, desaparece das redes, e se te vin, miña Julieta amada, xa non me acordo.
A muller queda co corazón estragado, porque realmente chegara a namorarse, e, aínda por riba, arruinada e endebedada ata as cellas.
Por suposto, moi poucas se atreven a denuncialos, porque a vergoña llo impide, polo que o Romeo en cuestión continúa á conquista doutras Julieta, amparándose, por suposto, en perfís falsos, e sacándolles o que teñen e o que non.
Non existe un perfil definido nin concreto de muller ao que isto lle sucede.
De todo tipo e condición hainas. Máis guapas, menos guapas, máis ou menos cultas, con profesións exitosas, ou mesmo casadas, que nunca traballaron, o cal asegura, ademais, o seu silencio. De todo tipo hainas.
E a todos, visto desde fóra, sorpréndenos como se deixan envolver de tal xeito, como non desconfían de alguén a quen nunca viron, ata o punto de darlle todo, e se, por desgraza, o asunto transcende en contra da súa vontade, se non pertence a ese escaso grupo das valentes que deciden contalo, e mesmo denuncialo, porque si, hai que ser moi valente para contar algo así, as críticas e as faltas de respecto non se fan agardar, cualificándoas de todo, pero, principalmente, de parvas.
Non creo que esa sexa a raíz do problema, estou convencida, se non outra moito máis profunda: a soidade, unha soidade non desexada, que tal vez veña acompañada do convencemento, alimentado pola súa contorna, do pouco que valen, da súa falta de atractivo, ou despois dunha ou varias relacións de parella frustradas, que as deixaron coa súa autoestima polo chan.
Atoparse, de súpeto, con esa especie de deus que as admira, que lles repite constantemente canto valen, o fermosas que son, é, para elas, un milagre, un agasallo que a vida lles brinda, que fai que se confíen e se entreguen emocionalmente de tal xeito, que son quen de darlle todo canto teñen e mais, agardando ese ansiado momento do encontro no que, por fin, poderán consumar o seu amor, sen sospeitar, ou sen querer facelo, que o home dos seus sonos, o que levan toda a vida agardando e que, por fin, chegou é unha gran mentira.
Son, certamente historias moi tristes as destas mulleres que, en mala hora, se atopan cun personaxe desta catadura, pero, se nos puxéramos por un momento na súa pel, veríamos que todo é froito do mesmo.
Nunha sociedade cada vez máis deshumanizada, na que cada un vai ao seo, para moitas persoas que se senten soas, que case sempre realmente o están, as redes sociais son o seu refuxio, un refuxio onde cren atopar agarimo, mesmo amor, e sendo, porén, as presas perfectas para tantos e tantos desaprehensivos, entre eles, estes Romeos, que as deixan co corazón roto, e as contas baleiras.
Rirse delas, ademais de cruel, non é a solución, se non tentar comprendelas, tentar paliar na medida do posible, a súa soidade, e entender, ademais, que ninguén, por moi raro que nos pareza, está libre de que isto lle suceda, sería un primeiro e fundamental primeiro paso para axudalas, pero, como xa dixemos, é moito pedir nunha sociedade na que cada un vai ao seu e a empatía é un ben moi escaso.
Asociación Si, hai saída