Esta semana recuperei o pracer da literatura; non desfrutaba da lectura dunha novela dende que lin Os Miserables de Víctor Hugo o ano pasado. Debido aos compromisos académicos coa tese doutoral e coa música, dedico pouco tempo á literatura, pero gústame manter aberta a posibilidade de ler e para iso dedico os días de asueto ou as derradeiras horas do día, xa metido no leito e ao abrigo das mantas. Despois deixo o libro preto da cama por se o acufeno ese me dá mala noite; tamén deixo á man outros libros, como unha magnífica biografía de Alexandre Magno escrita polo británico historiador do mundo clásico Robin Lane Fox, o derradeiro libro coa cal me agasallou por cumprirmos anos a miña nai antes de que un incompetente de bata branca a condenara a morrer por unha neglixencia médica. Tamén a Robin Lane Fox, polas miñas ocupacións coa tese e coa música, téñoo que ler aos poucos… mágoa.
Pero que libro é ese que me despertou, de novo, un pracer tan intenso pola literatura? Trátase dunha obra non moi extensa, do ruso Aleksandr S. Pushkin (1799–1837), A filla do capitán (Капитанская дочка). Así que este pasado mércores, que declarei día de asueto (sen relación con Gaza), pasei gran parte do día sentado en bancos públicos lendo a Pushkin, mentres que cos auriculares escoitaba Tchaikovsky, o primeiro movemento da súa 6.ª sinfonía, a "Patética", e a ópera Euxenio Onegin (Евгений Онегин), cun libreto baseado precisamente nunha obra do mesmo Pushkin.
Tanto en A filla do capitán como en Euxenio Onegin aparece un duelo. No caso da primeira, entre Piotr Andréyevich Griniov (protagonista) e Alexéi Ivánich Shvabrin por unha ofensa a María Ivánovna; e no segundo caso, entre Onegin e Vladímir Lensky, xa que Onegin seducira á prometida de Lensky. O primeiro dos duelos sería coa espada e o segundo coa pistola. Semella que os duelos son unha constante na obra de Pushkin, e isto é en gran medida premonitorio, xa que o mesmo Pushkin morrería nun por unha misiva ofensiva de Dantes-Gekkern, que pretendía seducir a súa muller. Dous días despois Pushkin morrería debido á ferida recibida pola bala, mentres que o seu contrincante foi ferido leve. Fiódor M. Dostoyevski insinúa en O idiota (Идиотъ) que Dantes-Gekkern o matou por erro.
É dicir, que este pasado mércores, día 15, estiven desfrutando de Pushkin e de Tchaikovsky, dous rusos. Vivimos nun ambiente de rusofobia, e eu sempre defendín o enorme papel de Rusia na cultura e no episteme. Ese ambiente de rusofobia que se respira en Europa e Occidente incluso complica a vida dalgunhas das persoas da cultura, tales como a soprano Anna Netrebko, que foi vetada en 2022 polo Metropolitan Opera de Nova Iorque, acusada de ser pro-Putin. Afortunadamente, en Berlín continúa sendo batuta titular dos Berliner Philharmoniker o gran Kirill Petrenko; pero non pasou o mesmo co director Valery Gergiev, que foi vetado en toda Europa polo seu "apoio a Putin". Incluso rusos que non poden ser pro-Putin, entre outras cousas por teren morrido antes de que Putin nacese —tal é o caso de Tchaikovsky— foron retirados dos programas dos concertos. Un esperpento.
Semella que declarar que algo é "pro-Putin" provoca certa urticaria en Europa; tanto é así que xa dende Bruselas incluso o usan para deslexitimar gobernos elixidos democraticamente, como pasou en Rumanía con Calin Georgescu, e como intentaron en Moldavia. Nas eleccións alemás deste mesmo ano, ante o medo de que subise Alternative für Deutschland (AfD), declarado de extrema dereita, alegaron que, de gañar ese partido as eleccións, "farían o necesario", sen ocultar que dende Bruselas se provócan unha serie de inxerencias. Curiosamente, no que vai de ano foron asasinados sete membros das listas de Alternative für Deutschland. Por certo, este partido está en contra de apoiar a Zelenski e boicotou a súa intervención no Bundestag. En Europa voan os falcóns; neste caso, dúas mulleres: a alemá Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, e a estonia Kaja Kallas, a maior autoridade de política exterior da Comisión. Moitas persoas teñen dito que, se as mulleres gobernaran o mundo, non habería guerras; estas estupideces "lisistráticas" non merecen a menor atención. Xa o antecesor de Kallas, o catalán Borrell, antes de que Putin invadira Ucraína, fora a Moscova a insultar a Putin, buscando enfrontamento. É normal que Putin se sentise incómodo porque Ucraína coqueteara coa súa entrada na OTAN, do mesmo xeito que Kennedy se sentiu incómodo polas lanzadeiras en Cuba na "crise dos misís" de 1962. A solución da "crise dos misís" de Cuba puido ser unha solución bélica, coma a que finalmente se evitou; como esa pola cal optou Putin. Agora que tanto se fala de "guerra híbrida", o bloqueo a Cuba non é unha guerra híbrida por parte dos EUA? Pero claro, os EUA son os bos.
Agora o ceo de Europa é percorrido por drons de factura rusa, din, por non falar do sumergible Novorossiysk. Todo un casus belli; casus belli que semella ser unha montaxe para manexar a opinión pública, como o afundimento do Maine que foi a escusa dos EUA para entrar na guerra de Cuba en 1898. O asunto é que se aumenta o gasto militar ante unha "inminente" invasión de Rusia a países membros da OTAN como Polonia ou Finlandia. Sería capaz Putin de abrir máis frontes cando leva máis de tres anos enfrascado en Ucraína? Sería capaz de provocar a entrada da OTAN cando a OTAN inviste moito máis en defensa? Claro está que o armamento nuclear ruso é un factor disuasorio bastante convincente.
Para que ese aumento en defensa, entón, se é pouco probable que Putin ataque un país da OTAN e Kallas así o sabe? Hai analistas político-militares que dan unha explicación. Podería ser que os lobbies armamentísticos mercaran as voluntades de von der Leyen e Kallas, pero eses analistas van máis aló tirando do fío. Ese armamento non sería usado contra Rusia, senón contra os mesmos pobos, como elemento represivo. E agora tócame a min facerme unha pregunta: que temen do pobo para querer aumentar ese gasto militar en 800.000 millóns de euros? O pobo está narcotizado do xeito máis orwelliano; hai algo que temer del? Hai temores a fortes movementos de protesta cando vexan a realidade das "Axendas 2030", o maior golpe ás democracias occidentais pergeñado nunca. Igualdade, ecoloxismo, recursos hídricos… bla, bla, bla. Todo perfecto, pero que hai detrás destas axendas en realidade? Estamos a falar dun modelo no que organismos supranacionais estarían por riba dos parlamentos dos pobos, como pasa hoxe con Bruselas, coas mencionadas inxerencias, pero moito máis declarado. Todo dependería de en que invisten eses inxentes recursos: se o fan en cazas ou en proxectís de longo alcance, non; pero se invisten en drons (todo apunta a que vai ser así) ou en municións, o uso das mesmas estaría baixo sospeita de que os recursos van ter un carácter de uso interno máis que externo. Ou acaso temen o que hai tempo está a pasar en Suecia, onde áreas enteiras do país están en mans de mafias de orixe, en gran parte, inmigrante? Nada disto aparece nos mass media españois, acomplexados de ser chamados racistas.
Ademais, estes organismos supranacionais, os verdadeiros reitores dos destinos das nacións, terían cargos non electos, ou polo menos non electos no sentido democrático que nós entendemos. Xa neste intre, eses organismos supranacionais, representados na Comisión Europea, teñen capacidade de inxerencia en procesos democráticos de países en teoría soberanos. Ademais, neste mesmo intre dende Bruselas están pensando conxelar activos rusos presentes para usalos precisamente en préstamos a fondo perdido para Ucraína, dando unha volta de torca na rusofobia. Se se poden facer isto, faranse cando o problema non sexa Rusia, senón calquera outro país, incluso países membros? Non teñan dúbida. Todos estes aspectos apenas teñen cabida na prensa española; por iso teño un amigo que sempre me pasa enlaces para que poida ler prensa alemá (Die Welt, Berliner Zeitung…); francesa e incluso húngara. Precisamente en Alemaña, país non precisamente belicista, van reactivar de novo o servizo militar obrigatorio. Tardaremos moito en España? O panorama é complicado.