Señores maltratadores pórtense ben; lembren que, en breve, pecharemos por vacacións

25 de xuño 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

En menos dunha semana comezará o mes de Xullo, e, con el, o éxodo vacacional que deixará as Ufam (Unidade de familia e axuda a muller) practicamente baleiras, e non soamente as comisarías, senón que todos os servizos destinados a protección e a asistencia ás vítimas de violencia machista se van ver algo máis que minguadosspandejavu>

Bufff... que apuro levei!

 

A piques estiven de que me pillara o touro e se me pasara a data de recordarlles aos maltratadores que se absteñan de agredir, maltratatar e, por suposto, de matar, a partir da vindeira semana e ata o mes de Setembro, porque, como cada ano, a prevención do mais que demostrado aumento da violencia de xénero nos períodos vacacionais, non existe.

 

En menos dunha semana comezará o mes de Xullo, e, con el, o éxodo vacacional que deixará as Ufam (Unidade de familia e axuda a muller) practicamente baleiras, e non soamente as comisarías, senón que todos os servizos destinados a protección e a asistencia ás vítimas de violencia machista se van ver algo máis que minguados por mor das vacacións, como vimos alertando, desde Si, hai saída, ano tras ano, e xa van 9, desde que botamos a andar, sen resultado ningún.

 

Mulleres e nenos se van ver, durante dous meses, case totalmente desprotexidos, xa que, non sabemos se en todas, pero nalgunhas cidades, mesmo os Puntos de Encontro familiar pechan durante alomenos dúas semanas, polo que a desprotección das vítimas, dos seus fillos e fillas, vai ser case total cando máis a precisan, cando máis crispación se xera.

 

Desde hai semanas, nos medios de comunicación, están a lanzar mensaxes de prevención sobre, por exemplo, as posibles estafas á hora de escoller o destino vacacional en canto ao aluguer de pisos, de prezos de hoteis, de establecementos hostaleiros, etc, etc.

 

O mesmo se está a facer en canto aos desprazamentos, posibles roubos nas vivendas en ausencia dos seus propietarios, incendios forestais... En fin, de todo un pouco o que pode acontecer nestes meses, dándonos unha serie de pautas para tentar previlo, algo lóxico, obviamente.

 

Pero da prevención do máis que probable aumento da violencia de xénero, non se fala, nin nomeala. Sinxelamente, non existe.

 

Pero claro,hai que aprender a priorizar.

Qué é máis importante, que, por mencionar tan só un exemplo, practicamente todos os policías das Ufam teñan que coller as vacacións nos meses de Xullo e Agosto, sen ser substituídos, ou que as vítimas sexan debidamente protexidas?

 

Pois iso.

 

Nin sequera este ano en plena campaña electoral, no que a violencia de xénero soamente se menciona para tentar utilizala como ferramenta electoral, uns, os de Vox, afirmando que non existe, e o resto de cores políticas, rachándose aparentemente as vestiduras ante tales desatinos, pero non dubidando en comerciar politicamente coa dor, coas vidas de tantas mulleres, dos seus fillos, as cousas mudan.

 

Se isto non deixa aínda suficientemente clara a importancia real que se lle dá neste país a esta gravisima e letal lacra, non sei que máis é preciso para facelo.

 

Pero que ninguén se preocupe, porque eu sei, que se len isto, os maltratadores e os potenciais feminicidas van cesar tamén de agredir, de matar, ata Setembro, non si, Sres. Maltratadores?

 

Porque, ademais, de non ser así, sabedes, cales serán as temidas consecuencias...?

Exacto!, os minutos de silencio, as manifestacións de repulsa, que tanto medo vos dan e que estou segura... vaia, máis que segura, de que xa conseguiron que vos reformarades moitos vós!

 

Así que non nos falledes, sede bos rapaces, e descansade ata Setembro, como van facer os que, se supón, teñen a obriga de protexer as vosas vítimas de vós, ou, alomenos, por iso cobran.

 

Ademais, que cabeciña a miña, en que estarei pensando?

Como podo dicir que non se está a tomar ningunha medida de prevención?

Mentira!, que xa nos dixo a Sra. Delegada de violencia de xénero, Victoria Rosell, que ían estudar se as vacacións inflúen no aumento da violencia machista, e, xa se sabe, cada quen estuda ao seu ritmo, e o seu se ve que é mainiño, que non é cousa de estresarse ao tonto, sen necesidade.

 

Tampouco hai que alporizarse por uns feminicidios mais ou menos!

 

Ademais, sempre poderemos agardar as brillantes conclusións ás que, seguro, chegarán ela e o Ministerio de Igualdade en xeral, facendo a espera máis levadeira entreténdonos con esa App tan imprescindible que nos informa de canto tempo empregamos as mulleres en pasar o ferro, lavar a louza e demais tarefas domésticas.

O caso é queixarnos!

 

Isto é tráxico, moi tráxico, e, un verán máis, temos que dicir que pobre da que lle toca.

 

Asociación Si, hai saída