Sexan de ouro ou non, as gaiolas gaiolas son

04 de novembro 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

Vimos de pasar unha semana na que foi imposible subtraerse ao que foi o máis grande acontecemento no noso país, o xuramento da Constitución e a celebración da chegada a maioría de idade da futura raíña de España, a princesa Leonorspandejavu>

 

Vimos de pasar unha semana na que foi imposible subtraerse ao que foi o máis grande acontecemento no noso país, o xuramento da Constitución e a celebración da chegada a maioría de idade da futura raíña de España, a princesa Leonor.

 

Naturalmente, non tardaron en chegar os previstos comentarios, os dos monárquicos, os do que non o son, os dos que defendían a celebración do acto, os que o condenaban... en fin, nada que non estivera dentro do previsible, porque, evidentemente, ten que haber toda clase de opinións, e isto non é, por suposto, nada malo, mentres non impliquen faltas de respecto, como sucede, lamentablemente, con demasiada frecuencia.

 

Non me vou meter en cuestións políticas, porque, nin son o meu, nin é un terreo no que me apeteza entrar en absoluto, máis alá de salientar que, guste ou non a uns ou a outros, este foi un momento histórico, no que, como é lóxico, todos os ollos estaban postos na futura raíña e en todo e todos cantos a rodeaban, e aí é a onde quero ir a parar eu.

 

Cada xesto, cada movemento, cada expresión da princesa, amén, por suposto, do seu "look", foron minuciosamente escrutados e diseccionados, así como os dos seus pais, sobre todo da súa nai, a actual raíña, porque aínda hoxe en día, a ninguén se lle ocorreu referirse, por exemplo, ao traxe que levaba o rei, nin os convidados varóns ao acto, pero si o das mulleres, comezando, obviamente, polo da protagonista, e as que compartiron a cabeceira de cartel con ela, súa nai e súa irmán... Menos mal que estamos nun país exemplo de feminismo e igualdade, seica.

 

Tampouco faltaron, tanto nos medios de comunicación coma nas redes sociais, as críticas aos privilexios dos que goza, e seguirá a gozar a herdeira do trono desde o berce, dos que algúns case a culpan, e que, obviamente, contrastan coas cada vez máis grandes dificultades para ter un futuro da nosa mocidade.

 

Certamente, eses privilexios existen, pero, realmente son tan dignos de envexa como semellan ser?

Na miña opinión, rotundamente non, e penso que estamos a esquecer certos aspectos que, a lo menos para min, son moi importantes.

 

En primeiro lugar, evidentemente, ela non pediu nacer no seo da familia na que o fixo, nin ser filla de quen é, iso para comezar, algo isto que todos temos en común.

Para continuar, estamos a falar dunha rapaza cuxa folla de ruta na vida está ferreamente trazada, xa non desde o momento no que naceu, se non mesmo desde antes de ser concibida.

Non hai,para ela, lugar a improvisación, nin concesións para os seus desexos de cara ao futuro, un futuro xa programado, lle guste ou non, algo que súa nai, a raíña Letizia, deixou perfectamente claro, sen ir mais lonxe, hai uns anos, nunha viaxe oficial a Asturias, respondendo por ela cando unha nena lle preguntou a Leonor que lle gustaría ser de maior: "Tiene que ser".

Por non ter, non ten nin a liberdade de responder por si mesma, supoño que ante a dúbida de que, como nena que aínda era, se saíra do guión e dixera o que de verdade lle gustaría facer, pero que non lle vai a estar permitido xamais.

 

Pode darse o caso de que, afortunadamente, o seu programado destino e os seus desexos, que non conformidade, ollo, que non é o mesmo, coincidan, pero, e se non é así? Que tristura!

 

Non esquezamos que estamos a falar dunha rapaza que acaba de cumprir 18 anos, que terá desexos, ilusións, coma calquera outra, pero que, posiblemente, a maioría deles non poderán verse cumpridos, precisamente por eses "privilexios" dos que "goza" e sempre "gozará".

 

Alguén imaxina o que ten que ser vivir sentíndose sempre observada, vixiada, e, o peor de todo, criticada e xulgada ao mínimo renuncio, o sexa realmente ou non. Ter que aparecer sempre perfecta, impecable, co sorriso na cara, cando ao mellor ten un día de m..., con perdón, e o que lle pide o corpo é estar tirada no sofá, en pixama, facendo o que lle pete, ou, sinxelamente, non facendo nada, coma calquera de nós, coma calquera dos nosos fillos?

 

Non é unha auténtica tortura que, por poñer un exemplo, algo tan común, que a todos nos pasa algunha vez, como o que lle sucedeu o pasado ano durante unha viaxe, unha inoportuna gastroenterite que a fixo ter que refuxiarse na habitación dun hotel durante unhas horas, ocupe titulares e sexa noticia durante días e días, sen ter en conta o incómoda que isto, sen dúbida, a faría sentirse?

Porque soamente faltou que tentaran sacarlle fotos no baño...!

Realmente, e nunca mellor dito, eses son privilexios?

 

E falta saber o que lle deparará o futuro no eido sentimental, porque o corazón non entende de realeza ou privilexios. Tan só entende de sentimentos.

 

Certo é que seus pais sentaron un precedente, e que o rei foi quen de plantar cara e levar adiante a relación cunha "plebea", o que tal vez a axude no caso de que chegue a namorarse de alguén "inadecuado", pero non quero nin pensar o que terá pasado súa nai, que pode caer mellor ou peor, pero a que lle hai que recoñecer que debeu ter que tragar carros e carretas para tentar ser aceptada, e falta saber se, a día de hoxe, foi quen de conseguilo.

 

E tampouco era unha plebea calquera, todo hai que dicilo, porque, ao fin e ao cabo, estamos a falar dunha xornalista cunha certa fama, xa que, non nos enganemos, se chega a tratarse dunha rapaza que traballara, que sei eu, nunha tenda de roupa, por dicir algo, non chegaríamos a coñecela xamais.

 

Eu son nai, no meu caso dun varón, e digo isto, porque, queiramos ou non recoñecelo, sobre as mulleres segue a exercerse máis presión social e se nos continúa a esixir cumprir certas "normas" moito máis laxas ou directamente inexistentes para os rapaces.

Tocoume crialo sola, xa que seu pai máis eu nos divorciamos cando el era moi pequeno, e con moi poucos recursos, polo cal foron moitas as veces que, ante as súas peticións de cousas materiais, lle tiven que responder, con moita dor de corazón, que non podía ser, pero, aínda así, foi, é, un rapaz feliz, que gozou da súa infancia, da súa adolescencia, que se divertiu cando tocou, que estudou para aquelo do que tiña vocación e que, cando tocou, uniu a súa vida a quen quixo, como debe ser.

 

El si, que, coma a inmensa maioría, tivo privilexios, entre eles o que tal vez sexa o mais importante de todos: ser libre.

 

Non nos quedemos tan só co máis superficial, porque hai cousas ás que nin todo o ouro, nin todos os privilexios do mundo, poden substituír, entre elas a que, alomenos para min, é o maior dos tesouros, a liberdade, e non esquezamos que as gaiolas, sexan ou non de ouro, gaiolas son.

 

Asociación Si, hai saída