G2 sae reforzado tras superar as dúas probas de lume ás que se enfrontou durante a fin de semana. Origen e Fnatic esperaban facerse co liderado á conta dos samuráis, que tiñan outros plans.
O venres, Origen tratou de quitarlle o primeiro posto aos seus rivais sen moito éxito. A partida foi unha exibición dun só equipo, a de G2. Os de Guilhoto pouco puideron facer contra os de Ocelote, que dominaron o encontro de principio a fin.
O sábado a cousa foi ben distinta. O pick de Janna top dáballe ao Sett de Bwipo moita liberdade á hora de moverse polo mapa e o seu equipo chegábase a poñer ata con 4k de ouro de vantaxe. Fnatic tiña todo de fronte para gañar pero decidían sortear a partida no Nashor, e a cousa torceuse. Jankos apareceu para levar un Barón que quedou a 13 puntos de vida. Mala sorte para Fnatic, ou boa para G2, dependendo de como se mire. A partir dese momento comezou o asedio dos samuráis que non tardaron en facerse cunha vitoria que lles garante o primeiro posto aínda empatando cos seus rivais.
Ese día non só se librou a loita polo primeiro posto. Origen e Misfrist enfrontáronse pola terceira praza. Origen demostrou estar un paso por riba dos seus rivais, nunha vitoria bastante sinxela. Tamén o foi para Rogue, que non deu ningunha opción de gañar a Mad Lions.
Máis disputada estivo a pelexa na parte baixa. SK e Schalke mantiveron unha longa loita por ver quen conseguía a súa terceira vitoria. Puido caer para calquera lado, pero ao final levoulla o equipo alemán, afastándose un pouco máis da última praza.
Fnatic e Origen teñen dificil facerse coa primeira praza que agora defende G2, o que indica que se endurecerá a loita pola segunda posición. Na parte media da táboa Excel espera un tropezo dos leóns para meterse nesa sexta praza que lles garanta xogar os play-off.