
Julio Cordal Carús (Vilagarcía de Arousa, 1905 – Madrid, 1974), pertencente á saga dos Carús de Vilagarcía, con casal no barrio de Trabanca Badiña que hoxe é un ben municipal á disposición da comunidade, foi un destacado colaborador do Seminario de Estudos Galegos (SEG, 1923-1936) e emparentado cun ilustre antepasado o Dr. e científico Roque Carús Falcón (16/08/1852-30/01/1910), que posúe unha praza na súa honra na cidade arousá, a Praza do Dr. Carús, e que foi autor dun excelente e pioneiro libro: Los misterios de la naturaleza. Investigaciones sobre el microplancton de la Ría de Arousa (1903), que estuda o noso mar de Arousa e fai unha pioneira análise sobre o plancton da Ría cos medios precarios daqueles tempos, primeira década do pasado século XX, autor, familia e libro descoñecidos para unha grande parte dos vilagarciáns de hoxe o que é unha mágoa e unha cuestión que hai que resolver (o Dr. Viana tenlle dedicado un artigo no núm. 22 da revista eSmas) e que este artigo divulgativo quere aportar a motivación e o interese para posteriores estudos sobre esta interesante saga familiar.

Irmán de Julio foi Luís Cordal Carús (Vilagarcía de Arousa, 1904-1990), coñecido e respectado dentista de Vilagarcía, que foi un grande deportista e regatista, foi presidente do club de fútbol S.C. Arousa FC, fundador do Club de Mar e primeiro presidente da Asociación de Veciños de Trabanca Badiña.
Mais nós, hoxe imos lembrar a Julio Cordal Carús, que foi coautor, a partires do ano 1926, dun importante Vocabulario popular galego-castelán de máis de 16.000 voces, confeccionado en equipo con outros destacados seminaristas como Filgueira Valverde, Lois Tobío, Magariños, actividade promovida polo SEG, que “comezará as primeiras entregas en El Pueblo Gallego en 1926”, (Mato, 2001, p. 56), e “que remataría en 1928” (Mato, 2001, p. 55). Julio, membro da Xeración do SEG, estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e participou cos seus compañeiros de Facultade, Filgueira Valverde, Lois Tobío, Luís Bouza Brey, entre outros, na confección de revistiñas culturais, na participación en múltiples actividades na Compostela dos anos vinte, do pasado século XX, a carón dos seus mestres e compañeiros, entre os primeiros destacar aos catedráticos Armando Cotarelo Valledor (ademais primeiro presidente do SEG) e Salvador Cabeza de León (segundo presidente do SEG) e de compañeiros un pouco maiores como Fermín Bouza Brey (xunto con Filgueira, un dos máis destacados impulsores do SEG). Todos eles axudaron a revitalizar a vida educativa e cultural de Santiago de Compostela e de Galicia. A súa Xeración xunto a Xeración Nós (Losada Diéguez, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, Castelao, Ramón Cabanillas,...) construíron a Galicia contemporánea e o seu enorme labor aínda hoxe insuperable e Julio Cordal Carús estaba aí na vangarda cultural e científica da Galicia do século XX, soñaron, idearon e querían unha Galicia mellor, máis culta, máis avanzada e pensaban que o idioma galego era o eixe que vertebraba o progreso da Nosa Terra.
Mais o ano 1936 foi un momento de inflexión, nada volvería ser como antes e como a maioría dos seus compañeiros e mestres, Julio repregouse, silenciouse e dedicouse a súa profesión de alto funcionario especializado en temas económicos e con destino nalgúns países estranxeiros. Debera afondarse no coñecemento de Julio Cordal Carús e nos seus compañeiros de Xeración, tratar de reivindicar o seu traballo e intentar emular as súas propostas co fin de soerguer á nosa amada Galicia.