Unha vez máis, predicando co exemplo

18 de xaneiro 2026

Marta Rodríguez Engroba, da asociación Si hai saída, analiza as declaracións de Ana Redondo, ministra de Igualdade

Estou a referirme, con este título, ás que ela lle chama “conclusións” que a ministra de Igualdade, Ana Redondo, fixo públicas despois de que se celebrase o Comité de Crise, que se convoca cada vez que se cometen máis de 5 feminicidios nun mes, como sucedeu no derradeiro do ano 2025, un ano tráxico no que un total de 47 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou ex parellas, e semella que o ano que acabamos de comezar non vai ser moito mellor, con xa 4 vítimas mortais da violencia machista no que vai do primeiro mes.

As conclusións ás que ela se refire non son máis que obviedades, e con todo respecto llo dicimos, Sra. Redondo, que non fan máis que poñer de manifesto a que ritmo se “avanza” na “loita” contra a violencia de xénero, e que a tal velocidade, o milagre é que tan tráxicas cifras non se eleven aínda máis.

Di, por exemplo, que cando os casos de violencia machista son coñecidos polo sistema policial, xudicial e institucional, aumentan para as vítimas as posibilidades de saír adiante, e que se reduce o risco de asasinato.

Que nos está a contar, Sra. Ministra? Abraiados nos deixa! Non caeramos niso, pero mire, nós, os que traballamos coas vítimas día a día tamén lle queremos contar unha cousa, así, en confianza: De nada vale que se coñezan eses casos se non se actúa en consecuencia, previndo, protexendo e asistíndoas como teñen todo o dereito. Non abonda con saber. Saber, por si só, non salva vidas, pero o mesmo o día que tocou ese tema Vde. non debeu asistir a clase. Unha mágoa.

Aproveitou tamén para lembrarlle á sociedade a obriga de denunciar os casos de violencia machista. Certo, pero iso tamén é novo? Porque, desculpe que llo digamos, pero dá Vde. toda a sensación de querer trasladar a súa responsabilidade, a do Goberno, única e exclusivamente á sociedade, unha sociedade, por certo, na que xa chegamos a un punto no que os únicos casos ante os que reacciona, son os mediáticos, con famosos/as polo medio, mentres que o resto importan máis ben pouco por non dicir nada.

Non deixou de referirse, como non podía ser menos, aos asasinatos nos que non existía denuncia, pero como nos teñen acostumados, nin media palabra sobre aqueles nos que si existía, pero a muller non contaba con protección ningunha, nin se vixiaba ao agresor, ou xa fora directamente arquivada, a saber con que criterio, porque semella que coa maldade do agresor e o nivel de risco das vítimas, pasa como cos iogures, que teñen data de caducidade e pasado un tempo, ao lixo con eles, como sucedeu a semana pasada no caso da muller asasinada en Las Palmas, e en tantos outros.

Tamén lles lembra aos gobernos autonómicos e locais a necesidade de traballar codo con codo coas entidades e asociacións de mulleres migrantes para que as informen dos recursos de axuda dos que poden optar. Migrantes ou non migrantes, Sra. Ministra, tanto ten, malia que hai que recoñecer que as primeiras teñen, nese sentido, máis problemas, obviamente, pero que pasa cando eses recursos non chegan nunca ou o fan cando xa é demasiado tarde? Porque se por algo non nos caracterizamos neste país noso é pola “ rapidez” burocrática e si polo “Vuelva Vd. mañana”, que diría Larra.

Por non mencionar cando a moitas das asociacións das que traballamos directamente coas vítimas se nos manda a cuneta, porque resultamos incómodas para as institucións, denunciando as numerosas eivas existentes neste eido, optando, en consecuencia, por escoitar tan só as que bailan ao mesmo son que estas, co cal... non é necesario seguir, non si?

E como “descubrimento bomba” advirte que un dos momentos de maior risco para as vítimas é cando se atopan en proceso de ruptura ou separación... Pois tampouco o sabíamos! Como tampouco coñecíamos o risco de depresión ou mesmo de tentativas de suicidio entre as mulleres que están a ser maltratadas... Hai que ver o que aprendemos con Vde!

É absolutamente vergonzoso que cheguemos a estas alturas, ao ano 2026, presentando o que son, repetimos, obviedades, como auténticos descubrimentos, porque, permita que llo digamos, pero o único que teñen en común coa loita contra a violencia machista e o que cobran “grazas” a ela, algo, por certo, que vén moi a conto nunha semana na que coñecemos que mantela a Vde. en Madrid nos supón a todos nós, cidadáns, soamente en aloxala, nada máis nin nada menos que 29000€ anuais, nun ático a todo luxo, amén de outros 2000 para gastos, e nos que se investiu máis de 1000000 en acondicionalo, no que se inclúe climatizalo, mentres que moitas vítimas non poden xa non quentar as súas vivendas, algo imposible, se non sufragar a factura da luz. É absolutamente indecente! E o peor do caso, para facer que? Pero para isto si hai recursos de sobra e sen demora.

E para rematar, permítanos que lle digamos que Vde. soíña se define non dando a cara ante episodios tan graves como os fallos nas pulseiras electrónicas, ou os casos nos que si había denuncia previa da vítima, malia o son asasinadas, pero fáltalle tempo para pronunciarse no caso de Julio Iglesias en redes sociais e ante os medios.

Evidentemente, eu non sei o que pasou, si é culpable ou non... eu non estaba alí, o mesmo que Vde. supoño. Podo formarme unha opinión persoal polo que leo ou escoito, pero nada máis, o mesmo que Vde, entendo. Pero eu non son Ministra de Igualdade, e Vde. se ten a obriga de ser obxectiva, imparcial, e respectar a presunción de inocencia, lle guste ou non a título persoal, e non amosar dun xeito tan descarado un interese que nada ten que ver co que demostra ter coas vítimas anónimas.

Claro que vendo o cara que nos sae, non é de estrañar que nin se lle pase pola mente ter a dignidade de, ou ben recoñecer os seus erros, e cambiar, demostrando que está á altura do cargo que ostenta, ou de dimitir e marchar.

Os feminicidios continúan sucedéndose e namentres, Vde. continúa vivindo coma unha raíña facendo que fai, e tomándonos por idiotas dando por sentado que cremos que está a facer unha gran labor. Encantaríanos, de verdade, que chegase o día no que o seu Ministerio e Vde. mesma nos demostre que, por fin, están á altura do seu cometido e a traballar de verdade na loita contra a violencia de xénero, pero moito me temo que seguirá dando máis que falar polos seus almorzos e cáterings de luxo nos que “debaten”, pola súa vivenda de igual categoría, mentres centos e máis centos de mulleres e os seus fillos están a pasar auténtico terror e necesidade.

E isto as máis “afortunadas”, as que aínda seguen vivas.

Asociación Si, hai saída