Vidas de Facebook

09 de xullo 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

Comentábame, hai uns días, unha amiga de Si, hai saída, que estas datas de verán, xunto co Nadal, lonxe de ser, como semella, para todo o mundo, de ledicia, son para ela de auténtica amargura, e explicoume o motivospandejavu>emdejavu>spandejavu>

Comentábame, hai uns días, unha amiga de Si, hai saída, que estas datas de verán, xunto co Nadal, lonxe de ser, como semella, para todo o mundo, de ledicia, son para ela de auténtica amargura, e explicoume o motivo.

 

No seu caso, por fortuna, xa superou a situación de violencia de xénero que a fixo contactar con nós, pero non as súas pegadas, e non me estou a referir soamente as emocionais, que creo que, ao cen por cen, nunca nos deixan de todo as mulleres que vivimos ese inferno,se non tamén as económicas, as laborais, que son moi precarias, e, en definitiva, a canto conforma o seu día a día.

 

Ten fillos, pero xa adultos, e, porén, cada un vive a súa propia vida, e, malia que a súa relación é boa, poden pasar semanas, e mesmo meses, sen que se vexan, limitándose a súa relación a algunha chamada esporádica e a unhas cantas mensaxes de tanto en tanto.

 

Ela ten que traballar moi duro para saír adiante, e, malia que é unha muller moi sociable, simpática e unha amiga leal onde as haxa, a súa vida social é practicamente nula, por unha banda, porque son tantas as horas que traballa, que as poucas que ten libres precisa durmir e descansar, porque está totalmente esgotada, e, pola outra, porque, malia isto, a súa economía non lle permite gastar nin un céntimo máis que os destinados ao mais básico para sobrevivir, e eso o mes que con sorte lle chega, que son os menos.

 

Non sabe o que é acender a calefacción no inverno, pagar a luz é para ela unha auténtica odisea, e do aluguer xa nin falamos.

Obviamente, as vacacións non teñen cabida xa non na súa vida, se non nin sequera nos seus sonos, e, se un día, por casualidade, se dá o luxo de tomar unha sinxela caña con alguén, non é quen de disfrutala porque se sente culpable de gastar os poucos euros que lle custa e que podería destinar a algo mais necesario.

 

A única distracción que se permite, ademais da tele, son unhas olladas a única rede social que manexa, Facebook, coa que se distrae e contacta con algún coñecido ou coñecida, e xustamente esa rede, Facebook, é a que lle trae esa tristura da que me falaba.

 

Cando remata o mes de Xuño, e nos anuncian na tele a primeira operación saída do verán, comeza nas redes, entre elas Facebook, o que semella ser unha competición para ver quen ten as vacacións mais idílicas, quen as disfruta nun lugar mais paradisíaco, quen goza de máis horas de terrazas e chiringuitos nos que lucir un envexable bronceado , con copas e paellas a discreción, todo isto e máis na compaña, por suposto, de divertidísimas pandillas de amigos, e de grupos de familias unidas, entrañables, que non vían a hora de xuntarse.

 

Imprescindible, por suposto, deixar constancia fotográfica de todo isto con abundantes fotos, cantas máis mellor, tantas, que, ás veces, eu chego a pensar que aínda se van liar nun momento dado e van tentar sacar a foto coa copa e beber co teléfono.

 

O mesmo sucede cando chega Decembro, soamente que cambiando a paella, os xeados e a cervexa por langostinos, turrón e champán, pero repetindo, iso si, as entrañables escenas familiares e as divertidas xuntanzas con amigos.

 

Vendo isto, dicíame, ela, que o resto do ano vai sobrelevando a súa situación como mellor pode e sabe, non pode evitar tomar conciencia do soa que está, do miserento da súa situación, e mesmo me confesou que, cando chega a fin de semana, se a ten libre, algunha ponte ou un día festivo, péchase na casa porque chega a sentir vergoña da vida que se ve obrigada a levar, mentres os demais contan os seus plans, a cada cal mellor.

 

Digna de ver a súa cara de asombro cando lle contestei que hai momentos nos que me sinto exactamente coma ela, porque, agás algún matiz, como é lóxico, a miña situación é moi semellante a súa.

Iso si, cunha diferencia fundamental: Se hai algo que eu teño moi claro, é que o Facebook, coma o resto de redes sociais, teñen conta do que lles poñen, e que, cando alguén precisa amosarlle ao mundo o feliz que é as 24 horas do día, en lugar de desfrutalas, é por algo, xa que, de non ser así, estaría ocupado en gozar da súa felicidade, e non en facer da súa vida unha contínua reportaxe.

 

Non ten nada de malo desexar que quede constancia dun momento feliz, de querer compartilo, claro que non, pero cando isto se converte en algo case compulsivo, como pasa a miúdo, cada vez máis, o que busca na realidade é o autoconvencimento e non é difícil adiviñar o que agocha realmente: Unha frustración en maior ou menor grado ou unha tristura coma a que ela, eu ou unha gran maioría das persoas, sentimos as veces.

 

Outra cousa é que nos o admitimos, e eles ou elas non o farían nin baixo tortura, porque nesta sociedade nosa as que mandan son as apariencias, e a vulnerabilidade, sexa do tipo que sexa, mesmo a emocional, está mal vista, estigmatiza a quen a padece.

 

Que esas maravillosas travesías polas praias se limitan, ao mellor, a unha sinxela tarde, pero con moita foto, iso si, e que esas xuntanzas nas que tanto se quere todo o mundo, en non poucas ocasións, en canto o teléfono deixa de enfocar, volven as discusións e as leas de sempre.

 

De feito, eu coñezo algún caso no que as relacións familiares son calquera cousa agás cordiales, pero que, de cara a galería, Facebook incluído, son a viva imaxe do amor filial.

 

A vida non é un camiño de rosas, certo, e todos temos momentos duros, moi duros, o admitamos ou non, pero eu, e non vou de psicóloga pola vida, faltaría máis! creo que, en certo modo, acadar unha certa felicidade malia as nosas circunstancias adversas, depende, en gran parte, das nosas expectativas, de que sexan ou non reais.

Se eu non me podo permitir unhas grandes vacacións, pero desfruto tomando un viño cunha amiga e tendo ambas unha boa conversa, ou, sinxelamente, lendo un libro na casa e tomando unha cervexa comodamente instalada no sofá, poño por caso, teño dúas opcións, gozar canto poida deses momentos, ou amargarme aínda máis devecendo de frustración polo que non está ao meu alcance, co cal a frustración é dobre.

 

Sobre o que non teño ningunha dúbida é de que eu quero vivir unha vida real, do mellor xeito que poida, cos seus momentos bos e outros que non o serán tanto, pero real, e o que non quero, baixo ningún concepto, a enganarme a min mesma levando unha vida de Facebook.

 

É hai algo máis que teño máis que claro: Non teño nada que demostrarlle a ninguén e o que pensen os demais, francamente, non me importa en absoluto.

 

Obviamente, esta non é a chave da felicidade, pero axuda.

 

Asociación Si, hai saída