Volven as cantigas colectivas de Aquí Cántase para abrir as Festas da Peregrina

cultura
05 de agosto 2025
Actualizado: 07 de agosto

Este venres 8 de agosto, ás 21.00 horas, terá lugar a nova edición deste evento que a asociación Maravallada desenvolve desde hai nove anos. Está invitada toda a cidadanía a cantar 20 pezas tradicionais

Asistentes a Aquí cántase! en Curros Enríquez
Asistentes a Aquí cántase! en Curros Enríquez / Concello de Pontevedra

Este venres 8 de agosto, ás 21:00 horas, vai desenvolverse a novena edición de "Aquí Cántase", un evento que se converteu na antesala tradicional das festas da Peregrina.

Este martes presentábase o acto coa participación de Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura; Mari Luz Rodríguez e Manolo Espiño, integrante e presidente da asociación organizadora Maravallada.

Demetrio Gómez destacou que este ano o percorrido físico vai iniciarse na praza de Curros Enríquez, para continar polo Teucro e na rúa Charino, diante do Teatro Principal, finalizando en Santa María.

Este evento, que combina música e comunidade, busca demostrar que "somos un país que sabe cantar". Gómez subliñou a importancia de que estas tradicións "nacen se son sentidas pola xente", animando a todos a participar: "Cantar todas xuntas, agarrados con amigos e integrar tamén os visitantes para aprender a cantar en galego".

Manolo Espiño explicou que a idea de crear un canto colectivo xurdiu en 2017, inspirado na grande aceptación dos "Cantos de Taberna".

Este ano contan xa con arredor de 50 participantes, que ensaiaron desde maio nos centros culturais de Lérez e do Gorgullón. "Funciona porque nós facemos as letras das cantigas, que se reparten nas prazas para que a xente poida seguir o fío", afirmou Espiño. Son todas cantigas tradicionais galegas, coa inclusión de pezas novas cada ano.

Mari Luz Rodríguez explicou que nesta edición presentarán seis cantigas novas, como "O Vira", "as Pachocas", "a Rosinha", "a Folía da Doriveira", "Silva Verde" e "Sete Cuncas", que xa se cantaba nos recitais dos "Cantos de Taberna". "Co paso dos anos, a xente vai coñecendo máis as cantigas", comentou Espiño.

"Co paso dos anos, a xente vai coñecendo máis as cantigas. Hai outras que pide a xente, como 'A Carolina' ou 'Fisterra'", apuntou o representante de Maravallada.

Mari Luz Rodríguez, Manolo Espiño e Demetrio Gómez presentan Aquí Cántase
Mari Luz Rodríguez, Manolo Espiño e Demetrio Gómez presentan Aquí CántaseConcello de Pontevedra

Nesta ocasión será Roi Xesteira o encargado de dirixir o evento, en lugar do seu irmán Anxo.

O acto contará con Treboada de Baixo Miño, que promete animar a xornada e chamar a atención principalmente dos visitantes. 

A actividade é aberta a todas as persoas que se animen a formar parte deste coro popular, sen necesidade de que saiba cantar.

O 18 de agosto está prevista unha novidade, que será o Aquí Bailase, na Praza da Ferrería onde calquera persoa poderá participar nun evento que, neste caso, dedícase á promoción popular do baile tradicional.