15 empresas optan ás obras de humanización da Avenida de Ourense

Marín
28 de decembro 2019

Presentáronse 15 empresas aos traballos propios de remodelación da contorna e outras 4, algunhas comúns, á renovación do alumeado público. Nas vindeiras semanas, as propostas serán avaliadas baixo os criterios técnicos correspondentes

Infografía do proxecto de humanización da avenida de Ourense
Infografía do proxecto de humanización da avenida de Ourense / Concello de Marín

O proxecto de humanización e mellora da Avenida de Ourense en Marín avanza na súa tramitación burocrática co peche do prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas en realizar os traballos.

Este procedemento, debido á súa envergadura, dividiuse en dous lotes, o primeiro deles centrado nos traballos de humanización, ao que se presentaron 15 empresas. Pola súa banda en canto á instalación da nova iluminación, que cumprirá cos criterios de eficiencia enerxética, presentáronse 4 empresas, concorrendo algunhas delas a ambos os dous lotes.

Segundo explicou o goberno local, está previsto que nas próximas semanas as propostas sexan sometidas ao criterio técnico, procedendo despois á apertura dos sobres relativos ás ofertas económicas, para determinar, finalmente, que asina resultará a adxudicataria das obras.

A humanización da arteria principal do municipio enmárcase dentro do proxecto europeo Marín 2020, que forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable Integrado (EDUSI), impulsada e financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

A súa execución supón a segunda parte do proxecto global de mellora da Avenida de Ourense, sendo a primeira a obra de renovación do colector, unha actuación “que nos marcamos como un obxectivo necesario e primordial para mellorar o saneamento da ría”, explicou a alcaldesa María Ramallo. A finalización destes traballos, que xa se atopan na súa cuarta fase, está prevista para o primeiro trimestre do ano, confirma o Concello.

En canto á segunda fase, supoñerá un "proxecto completo de mobilidade neste espazo público tan relevante para a nosa vila", asegura a alcaldesa, estando contemplada a construción dun carril bici, entre outros aspectos.

O investimento para neste proxecto será de 1.400.000 euros.