O Concello de Moraña investirá 179.972 euros na construción dun novo edificio municipal situado no lugar do Batán, na parroquia de Rebón, que permitirá ampliar os espazos destinados a actividades sociais na zona sur do municipio.
O alcalde Sito Gómez anunciou esta actuación durante unha visita de supervisión aos terreos, na que estivo acompañado pola tenente de alcalde, Luisa Piñeiro, e o concelleiro Alberto Caldas.
Durante o encontro pecháronse os derradeiros detalles técnicos e o cronograma dunha obra que se prevé comece nas próximas semanas.
A nova instalación emprazarase nunha parcela municipal de máis de 5.200 metros cadrados e contará con 121 metros cadrados construídos.
O edificio dispoñerá de accesos axeitados desde a estrada provincial EP-0018 e a pista municipal de conexión co interior do núcleo.
O deseño do inmoble responde a un concepto polivalente, cunha altura de 5 metros e construído nun único volume con cuberta a dúas augas.
No seu interior incluirá un despacho e zona de control, cuartos de baño adaptados e unha sala diáfana de preto de 90 metros cadrados que dispoñerá de acceso rodado desde o exterior.
Esta configuración permitirá que o local funcione tanto como lugar de almacenamento como espazo principal para actividades, eventos e usos sociais por parte dos veciños da zona.
O rexedor local destacou a importancia desta ampliación dos equipamentos municipais na zona sur do concello, "xa que nos permite seguir mellorando os nosos servizos e a atención aos veciños, que senten que teñen moi preto ao seu Concello para o que necesiten".