200 nenos participan nas actividades de verán que organiza o Concello de Soutomaior

Soutomaior
17 de xullo 2024

Máis de 30 actividades que se desenvolven dende o 1 de xullo ata o 26 deste mes entre as que se atopan obradoiros de robótica, a visita ao Aquapark de Cerceda, a Corax Fauna na Coruña ao parque arqueolóxico de Campo Lameiro ou a visita á Illa de Tambo

Actividades de verán que organiza o Concello de Soutomaior
Actividades de verán que organiza o Concello de Soutomaior / Concello de Soutomaior

O alcalde de Soutomaior e concelleiro de Deportes e Educación, Manu Lourenzo, visitou nesta xornada a un dos grupos que están participando nunha nova edición das actividades de verán que ofertan dende o Concello de Soutomaior.

200 nenos de idades comprendidas entre os 3 a os 14 anos participan dende o 1 de xullo nestas actividades “sorpresa”, xa que é a finais de cada semana cando as familias coñecerán as actividades que o concello ten organizadas cada semana para os peques.

Son moitas e novidosas as actividades que se programan nestes días, así xa puideron desfrutar dun obradoiro de bichos, de robótica, dunha ruta en kayak por Cestantes, das actividades do Fornelos Wake Club, de inchables acuáticos no Peirao, dun día no Aquapark de Cerceda, da visita a Corax Fauna na Coruña ou da visita deste mércores ao parque arqueolóxico de Campo Lameiro.

A vindeira semana virá cargada de sorpresas entre as que se atopa a visita en catamarán á Illa de Tambo e a Combarro.

As actividades pecharanse o 26 de xullo coa celebración do Día dos Avós no Peirao de Arcade e cunha festa de clausura que terá lugar ese mesmo día, o venres 26 de xullo, a partir das 21:30 horas na Alameda de Talo Río. Unha cita á que están convidadas todas as familias e que contará co directo e espectáculo ‘María Fumasa cantar e bailar para ser felices’.