O Concello de Caldas de Reis organiza este sábado 8 de novembro, a partir das 20:00 horas, o tradicional magosto na praza José Sesto Casal.
Para garantir o desenvolvemento da festa independentemente das condicións meteorolóxicas, instalarase unha carpa que permitirá reunir a centos de veciños e veciñas.
Durante a celebración, repartiranse máis de 200 quilos de castañas asadas e viño novo de balde entre os asistentes asumindo a frase popular "Polo San Martiño, castañas e viño".
A ambientación musical estará a cargo de 'La Yaya DJ'.
Segundo o tenente de alcalde e concelleiro de Festas, Manuel Fariña, esta cita é unha das máis destacadas da comarca pontevedresa, polo que anima á participación e a manter a tradición do magosto.
A festa conta coa colaboración activa da Asociación de Xubilados, implicando tanto á xente moza coma maior.
Fariña lembra tamén que o magosto remonta a tempos celtas, vinculado aos cultos das colleitas e ao final do ciclo agrícola, e que a fogueira segue sendo un elemento central desta celebración tan arraigada.