2019 comezará con obras en Lepanto: a súa reforma integral, en marcha

Pontevedra
13 de novembro 2018

A reforma integral da rúa Lepanto xa ten data. O Concello prevé que as obras comecen o próximo mes de xaneiro. Saen a licitación por un custo de 256.505 euros e as obras terán un prazo de execución de catro meses

Rúa Lepanto, Pontevedra
Rúa Lepanto, Pontevedra / Mónica Patxot

A reforma integral da rúa Lepanto xa ten data. O Concello prevé que as obras comecen o próximo mes de xaneiro. Saen a licitación por un custo de 256.505 euros e as obras terán un prazo de execución de catro meses.

O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, explicou que as empresas interesadas en executar esta obra terán vinte días naturais para presentar as súas ofertas.

Lepanto pasará a ser unha rúa con plataforma única e sen as prazas de aparcadoiro. Instalarase pavimento de lastro confinado en bandas de formigón, un aspecto similar ao que ten a Praza de España ou o tramo peonalizado en Benito Corbal.

A actuación prevista inclúe, no tramo máis próximo a Benito Corbal, a creación dunha pequena praza que aproveitará o espazo existente á beira da antiga delegación da Xunta de Galicia. Neste novo espazo, colocaranse tres bancos de cor granate e plantaranse varias árbores. Haberá, ademais, un aparcadoiro para bicicletas.

Ademais, aproveitando esta reforma tamén se renovarán todos os servizos de saneamento, augas pluviais e fecais e abastecemento. Reforzarase a iluminación en toda a rúa, que xa conta con tecnoloxía LED, e engadiranse novos puntos de luz na praza de nova creación. 

En total, o ámbito de actuación será de 1.351 metros cadrados.

Como melloras, as empresas licitantes poderán ofertar a renovación de oito puntos de luz, que terían un aspecto diferente ao actual; e a pavimentación do cruzamento con San Antoniño.

As obras executaranse simultaneamente coa reforma de Benito Corbal, entre a Praza do Hospital e Sagasta. Búscase así, segundo o Concello, minimizar as molestias aos veciños e aos comerciantes do barrio, ao evitar ter cortada a zona durante máis tempo.