Neste 2025 celébranse 40 anos premiando a retranca no Festival dos Maios de Vilaboa

Vilaboa
15 de abril 2025

Os participantes deberán presentar as súas composicións florais o 1 de maio na Casa da Cultura de Figueirido, onde un xurado valorará tanto a calidade das estruturas coma das letras

Maio no Concello de Vilaboa
Maio no Concello de Vilaboa / Concello de Vilaboa

O Festival dos Maios de Vilaboa chega neste 2025 á súa edición número 40 cunha dotación de 600 euros en premios.

O certame, organizado polo Concello en colaboración coa Asociación de Veciños de Figueirido, mantén aberto o prazo de inscrición a través do correo electrónico[email protected].

O concurso, orientado a alumnado de todas as idades, contempla unicamente a modalidade cónica das estruturas.

Un xurado composto polo concelleiro de Cultura, un técnico municipal e un representante veciñal avaliará tanto o aspecto exterior e interior das estruturas florais coma a calidade das letras.

Na parte literaria, avaliarán especialmente o uso da tradicional retranca galega para abordar temas de actualidade política e social.

As bases do certame establecen a descualificación inmediata en caso de detectarse faltas de respecto nas letras.

O xurado tamén terá en conta a calidade do canto, prestando especial atención á entonación, a forza e a harmonía do conxunto.

O primeiro premio está dotado con 300 euros, o segundo con 200 e o terceiro con 100.

A cita será o 1 de maio ás 18:00 horas na Casa da Cultura de Figueirido, debendo presentarse os participantes media hora antes do inicio.