25 furanchos piden licenza en Pontevedra tras entrar en vigor a nova ordenanza

Pontevedra
16 de abril 2013

Pontevedra xa é oficialmente o primeiro concello galego en contar cunha ordenanza de furanchos adaptada á nova regulación da Xunta. O texto entrou en vigor definitivamente despois de que o pasado venres rematara o prazo de exposición ao público sen que se teñan recibido alegacións

Furancho, establecimiento tradicional galego no que se vende excedente de vino da casa
Furancho, establecimiento tradicional galego no que se vende excedente de vino da casa / Juan Mejuto

Pontevedra xa é oficialmente o primeiro concello galego en contar cunha ordenanza de furanchos adaptada á nova regulación da Xunta. O texto entrou en vigor definitivamente despois de que o pasado venres rematara o prazo de exposición ao público sen que se teñan recibido alegacións.

O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, amosou a súa satisfacción ao comprobar que o diálogo emprendido co sector e posibles colectivos afectados teña concluído coa aceptación da nova regulación ate o punto de que durante os 30 días hábiles de exposición ninguén expuxera reparo algún. Esta circunstancia abrevia o procedemento e fai innecesario o acordo plenario de aprobación definitiva.

Louro destacou que a ordenanza naceu froito dun excelente traballo técnico e dun intenso diálogo materializado a través de varias reunións e encontros informais. Con elo queda solucionado o problema xurdido durante o verán pasado cando unha vaga de multas da Consellería de Turismo da Xunta de Galicia espertou a alarma entre os furancheiros pontevedreses.

"Era necesario proceder a unha regulación inmediata deste sector, pero, dende o primeiro momento, explicamos aos afectados que non podiamos facer moito ata que a Xunta aprobase o Decreto regulador da actividade, paso que foi certamente caótico porque pasou por distintos borradores moi contraditorios entre si da Consellería de Presidencia", explicou Louro, quen engadiu que "ao final, a Concellería de Urbanismo cumpriu coa súa palabra de tramitar e aprobar unha ordenanza en tempo récord, mesmo antes do agardado".

O tenente de alcalde subliña que ata o de agora téñense presentado 25 peticións de apertura polo rexistro municipal, que agora serán xa tramitadas de acordo co previsto na ordenanza.

Os furanchos pontevedreses poderá abrir entre o 1 de marzo ao 31 xuño. Cada local poderá abrir un máximo de tres meses. Inclúese tamén un listado conxunto de tapas que se servirán nos furanchos (táboa de embutidos-queixos, orella-chourizos, zorza-raxo, tortilla de patacas e pementos de Padrón). O horario será de 17.00 a 00.00 horas de luns a venres e de 12.00 a 01.00 horas en fins de semana e vésperas de festivo.

Os establecementos furancheiros, que só se permitirán nas zonas rurais de Pontevedra, terán ademais prohibida a sinalización do furancho a través de calquera panel ou indicativo que non sexa unha folla de loureiro, tal e como establece a normativa. O viño que se venda terá que ser colleitado no término municipal de Pontevedra ou na súa bisbarra e deberán identificarse co distintivo "Furanchos de Pontevedra", que servirá para garantir ao cliente a legalidade dos furanchos e o seu control de calidade.