O alumnado do colexio de Carballedo terá un papel protagonista nos actos do 25N en Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade
22 de novembro 2024
Actualizado: 17:52

Haberá unha andaina, pintarase un mural, despregarase unha pancarta e darase lectura a un manifesto reivindicativo

Acto polo 25N en Cerdedo-Cotobade
Acto polo 25N en Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade reafirmará o seu rexeitamento a todo tipo de violencia machista nos actos conmemorativos do 25 de novembro, día internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres, que terán lugar este luns no municipio.

Este ano os actos do 25N terán como protagonista ao alumnado.

Así, ás 11:15 horas do luns terá lugar unha "Andaina dos superheroes" do CEIP de Carballedo que terán como meta o consistorio en Carballedo.

Ás 12 do mediodía procederase á entrega dos escudos dos superheroes para o mural que se pintará en contra da violencia sobre as mulleres.

Ás 12:30 horas farase o despregamento dunha pancarta e darase lectura a un manifesto alusivo á conmemoración do 25N.

Para rematar estes actos reivindicativos, ás 12:45 horas terán lugar a clausura coa entrega de agasallos.

En caso de mal tempo os actos trasladaranse ao centro educativo.

O alcalde, Jorge Cubela insistiu no "compromiso ineludible" do Concello e da corporación municipal coa prevención de comportamentos machistas e contra a violencia de xénero.

Cubela salientou a importancia de denunciar e visibilizar calquera situación relacionada, especialmente agresións físicas ou psicolóxicas, para poñer a disposición das vítimas todos os mecanismos e ferramentas de protección.