O programa de reforzo socio-educativo para menores do Concello de Pontevedra e a Fundación Secretariado Xitano (FSX) sumouse, un ano máis, á conmemoración do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller.
Este ano as actividades xiraron sobre o lema 'Non hai escusa, ningunha muller atrás, ningunha nena atrás' e incluíron a elaboración de tres carteis con lazos de cores: negro, morado e branco.
Segundo explican as persoas responsables da actividade, "cada lazo simboliza respectivamente, o medo, a realidade e o futuro que queremos".
Ademais, recortaron mans en cartolinas de cores e escribiron mensaxes reivindicativas como "non máis violencia de xénero", "queremos un mundo sen violencias machistas" ou "todas e todos iguais".
O alumnado tamén reflexionou sobre o camiño cara á igualdade, a situación actual e aspectos como educación, emprego, conciliación ou participación.
As aulas de reforzo escolar van dirixidas a estudantes de etnia xitana do último ciclo de Primaria e de Secundaria obrigatoria e funcionan de luns a xoves na Casa Azul e no centro cultural de Monte Porreiro.
Nestas aulas, reciben acompañamento na realización de tarefas e un seguimento individualizado dos seus estudos co fin de que poidan rematar a ESO e dar continuidade á súa formación académica ou profesional.
Ademais, os responsables do programa traballan coas familias e os centros educativos nos que están matriculados os menores.