Un investimento de 37.501,20 euros permitirá "solucionar un problema" na rúa do Adro e Travesía Porteliña, en San Salvador de Poio. O Concello vai destinar estes fondos á instalación de alumeado público na zona.
O Concello anunciou esta fin de semana esta actuación que, segundo explica o edil de Obras, Marcial Domínguez, "permitirá solucionar un problema para os veciños desta zona e, deste xeito, completar a humanización real destas rúas municipais, permitirá mellorar a integración da zona e porá en valor toda a contorna ".
García explica que é "unha demanda dos veciños, que non entenden como nunha rúa que se mellorou hai pouco, o anterior Goberno deixou atrás a dotación de puntos de luz".
O concelleiro recorda que “abriron os ocos, pero entenderon que non era importante colocar farois. Un proxecto incompleto de humanización ao que agora damos resposta desde este Goberno".
O Concello de Poio incluirá este investimento no plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. Para levar a cabo estas obras é preciso adaptar as cimentacións existentes e colocar columnas e luminarias, así como a conexión á rede, nunha superficie de 375 metros.
O concelleiro amósase moi crítico co anterior goberno local. "Este é o tipo de xestión que herdamos en Poio, obras que fixeron e non pagaron e outras que fixeron a medias".